No 2025 recolléronse máis de 15,6 toneladas deste residuo e nos primeiros cinco meses de 2026 superáronse os 5.400 quilos
O Concello de Carballo reforza o seu compromiso coa sustentabilidade urbana e a protección do medio ambiente mediante a mellora do servizo público de recollida selectiva de aceite vexetal usado. Froito do acordo de mellora coa empresa xestora autorizada Green Ambiental S.L., a rede municipal incorpora un novo punto de recollida na contorna da capela de San Paio (Entrecruces), co cal acadamos un total de 40 colectores distribuídos entre o casco urbano e as parroquias. Esta mellora realizase sen ningún custo adicional para as arcas municipais.
A rede municipal de recollida distribúese estratexicamente para dar cobertura a todo o municipio. Na zona urbana hai 26 colectores situados nas principais avenidas e rúas comerciais ou de servizo dos diferentes barrios.
Os 14 colectores restantes cobren as distintas parroquias e contornas do rural carballés. Ademais do situado no Punto Limpo (Bértoa) e do novo contedor na capela de San Paio (Entrecruces), hai puntos de recollida nas parroquias de Sísamo, Noicela, Lema, Verdillo, Artes, Sofán, Rus, Goiáns, Cances, Rebordelos e Razo (2).
Segundo o certificado histórico de xestión, ao longo do ano 2025 recolléronse no concello un total de 15.635 quilos de aceite doméstico usado. Esta correcta xestión evitou a contaminación potencial de máis de 17,1 millóns de litros de auga e, tras o seu procesamento e transformación en biocarburante, supuxo un aforro de emisións á atmosfera de 46,90 toneladas de CO₂.
A tendencia positiva mantense no presente exercicio. Entre xaneiro e maio de 2026, a cidadanía carballesa xa depositou 5.420 quilos de aceite nos colectores municipais, cunha media mensual superior aos 1.000 quilos (destacan febreiro, con 1.295 kg, e abril, con 1.360 kg).
Co obxectivo de facilitar a separación na orixe e evitar que o aceite acabe polo sumadoiro —coa conseguinte contaminación do medio hídrico e os atascamentos nas redes de saneamento—, o Concello de Carballo lembra á veciñanza que ten á súa disposición funís adaptables ás botellas de plástico pet.
As persoas interesadas poden solicitar o seu funil de xeito gratuíto, ata fin de existencias, no Departamento de Medio Ambiente do Concello de Carballo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.