Monday 27 de July de 2026

O Concello de Laxe celebra a denegación da concesión mineira de Coéns e mantén a súa oposición aos permisos de investigación no municipio


O Concello de Laxe informa da resolución pola que a Xunta de Galicia denega a solicitude de concesión de explotación mineira Don Sebastián Fracción 1ª, situada no termo municipal de Laxe, ao non cumprir as esixencias ambientais necesarias para a súa tramitación.

O Goberno local valora moi positivamente esta decisión, ao considerar que se trata dunha actuación con potencial incidencia sobre o territorio, o medio ambiente, a paisaxe, os núcleos habitados e, en definitiva, sobre a calidade de vida da veciñanza.

Neste sentido, o Concello lembra que tamén presentou os correspondentes recursos fronte aos permisos de investigación mineira que afectan ao municipio e á súa contorna, ao entender que é imprescindible que este tipo de proxectos sexan analizados con todas as garantías desde o punto de vista urbanístico, ambiental, patrimonial e social.

O Executivo municipal quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía, reiterando o seu firme compromiso coa defensa dos intereses de Laxe e da súa veciñanza. O Concello continuará impulsando todas as actuacións que estean ao seu alcance para evitar que proxectos que poidan supoñer un impacto negativo sobre o territorio prosperen sen o cumprimento estrito da legalidade e das garantías esixibles.

Desde o Goberno municipal insístese en que esta postura non supón un rexeitamento á actividade económica nin ao desenvolvemento, senón a defensa dun modelo compatible coa protección do patrimonio natural e cultural, do medio ambiente e do benestar da veciñanza.

“O Concello non está en contra da actividade económica, pero si defenderá sempre que calquera actuación no territorio respecte a legalidade, o medio ambiente, o patrimonio e a vida diaria dos veciños e veciñas de Laxe.”

O Concello de Laxe continuará informado puntualmente de todas as actuacións que se leven a cabo neste ámbito, mantendo como prioridade a defensa do interese xeral do municipio e a preservación dos seus valores naturais, ambientais e paisaxísticos.

Deja un comentario