Chiña e Tabernarias amenizarán musicalmente a xornada
Aguiño prepárase para unha nova cita gastronómica coa décima edición da Festa da Navalla que servirá entre os comensais uns 600 quilogramos deste bivalvo preparado á prancha a un prezo de 15 euros a ración e amenizado musicalmente por Chiña e Tabernarias. O público poderá tamén degustar arredor de 250 quilogramos de sardiña e setecentas racións de empanada e os tíckets empezarán a venderse a partir das 10.00 horas. Así o deron a coñecer a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro; o concelleiro de Mar e Festexos, Fernando Abraldes; e o presidente da comisión de festas da parroquia aguiñense, Julio Abraldes, xunto a Teruca Sampedro e Pili Millet, integrantes tamén da entidade.
A rexedora destacou o labor do asociacionismo, nomeadamente, das comisións de festas para, nesta ocasión, poñer o foco “nun dos produtos máis venerados do noso mar; un produto que, ademais, ten gran relevancia na lonxa de Aguiño e que será de quilómetro 0, da propia parroquia.”
Neste senso tamén se pronunciou o concelleiro de Mar e Festexos, Fernando Abraldes, quen precisou que toda a navalla será extraída da zona do Castro-A Catía en apnea.
Pola súa parte, o presidente da comisión quixo expresar o seu agradecemento á Confraría de Pescadores de Carreira-Aguiño por colaborar, así como ao Concello de Ribeira e á Consellería do Mar da Xunta de Galicia. “Imos facer desta festa que cada ano vaia medrando”, apuntou.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.