O Concello de Neda activa a vindeira semana “Miúdo verán”, o tradicional programa cultural e de lecer, con espectáculos ao aire libre, en distintas localizacións do municipio, pensados para desfrutar en familia. A iniciativa, totalmente de balde, incluirá neste 2026 catro propostas do máis variado.
Así, o cartel deste ciclo municipal, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do AGADIC, no marco das accións para dinamizar as localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas, inclúe propostas de música, clown, ilusionismo e novo circo para os atardeceres deste verán.
O programa porase en marcha o mércores 29 de xullo, a partir das 20:30 h, en Albarón con “Radio Bulebule”. Trátase dun concerto no que Paco Nogueiras “convida a vivir a radio en directo un singular programa cheo de humor, baile e canción”. Unha proposta galardoada na categoría de música infantil nos VIII Premios Martín Códax da Música.
A seguinte cita, prevista para o 5 de agosto, ás 20:30 h, no parque do Principiño, garante tamén diversión. Teatro dos Ghazafelhos celebra os seus vinte anos con “Sherezade, Aladino e os tres beduínos”, unha nova proposta inspirada no universo fantástico de “As mil e unha noites”, con versións dos relatos orientais máis populares.
E tras a música e o teatro, o Concello aposta polo multipremiado ilusionista nedense Dani García, quen presentará o 20 de agosto, ás 20:30 h, na contorna do albergue de peregrinos o espectáculo “Tin”, que mestura maxia inventiva, humor e clown.
“Miúdo verán. Cultura en familia” despedirase ata o vindeiro ano o 27 de agosto, ás 20:30 horas, cunha proposta de novo circo, no que non faltarán as acrobacias aéreas e o humor. Sempre arriba presentará nos Subarreiros “Hoxe, si!”, elixido mellor espectáculo de rúa do 2025 pola Asociación Profesional de Circo de Galicia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.