O Grupo Municipal Socialista solicita o consenso da Corporación para recoñecer ao futbolista compostelán polo seu histórico logro deportivo e polos valores que representa dentro e fóra dos terreos de xogo.
Marta Abal destaca que Borja Iglesias levou sempre o nome de Santiago con orgullo e considera que a cidade debe corresponderlle cun recoñecemento institucional á altura da súa traxectoria.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, solicitou o consenso da Corporación municipal para render unha homenaxe institucional a Borja Iglesias, veciño de Santiago e primeiro futbolista picheleiro campión do mundo, ao considerar que a cidade debe recoñecer a quen levou o seu nome ao máis alto do fútbol mundial.
Abal salientou que a conquista do Mundial ten para Santiago un significado moi especial, xa que Borja Iglesias é “o primeiro futbolista galego en proclamarse campión do mundo”, un fito que converte ao dianteiro compostelán nun referente para toda unha xeración de mozos e mozas. A concelleira lembrou que o xogador “deu os seus primeiros toques ao balón nos campos da nosa cidade” antes de alcanzar “o maior logro posible na súa carreira deportiva”.
Por este motivo, a edil socialista anunciou que o PSdeG solicitará “o consenso da corporación municipal” para impulsar unha homenaxe institucional que recoñeza ao xogador “como fillo de Santiago” e tamén “como referente para toda unha xeración de mozos e mozas”, convencida de que un éxito desta dimensión merece o respaldo de toda a cidade.
Pero Marta Abal subliñou que o mérito de Borja Iglesias vai máis alá do deportivo. A concelleira destacou que “non só está facendo historia no mundo do fútbol”, senón que ao longo da súa traxectoria demostrou “un firme compromiso coa defensa dos dereitos sociais, coa igualdade, co feminismo e coa loita contra a homofobia e o racismo”, converténdose tamén nun exemplo polos valores que defende.
Nese sentido, sinalou que ese compromiso o converte nun referente “de responsabilidade, compromiso e humanidade”, tanto dentro como fóra dos terreos de xogo, e considerou que esa dimensión persoal reforza aínda máis os motivos para que Santiago lle tribute un recoñecemento institucional.
Finalmente, Abal lembrou que Borja Iglesias “sempre fixo gala das súas orixes” e “leva con orgullo o nome de Santiago alí onde xoga”. Por iso, concluíu que “agora tócalle á súa cidade devolverlle ese orgullo” cun recoñecemento público “que corresponde” a quen levou o nome de Compostela ao máis alto do fútbol mundial.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.