Sunday 26 de July de 2026

Santiago terá novo servizo de transporte urbano no outono: adxudicado o contrato cun orzamento de 118 millóns de euros


A Xunta de Goberno aprobou onte, nunha sesión extraordinaria, a adxudicación do servizo público de transporte urbano á UTE formada por Alcalabus, Castromil e Autobuses Urbanos de Lugo. O contrato, de 13 anos de duración, suporá un custo para o Concello de 118,8 millóns de euros, 10 millóns de euros menos do orzamento máximo previsto na licitación. A alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, e o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, deron conta da adxudicación “que permitirá que neste mesmo outono teñamos por fin un servizo de transporte á altura de Santiago”.

A alcaldesa mostrou a satisfacción do Goberno por esta adxudicación “que lle afecta a un dos servizos que máis lle preocupa á poboación de Santiago, que merecía ter por fin un transporte de calidade”. Goretti Sanmartín lembrou que “fixemos unha aposta clara polo transporte público, por gañar persoas usuarias nos autobuses en detrimento do vehículo privado”. Nese sentido, explicou que “a partir de outono vai cambiar radicalmente o servizo, imos ter unha maior cobertura xeográfica, mellores horarios e frecuencias, e unha maior fiabilidade; e todas esas melloras mantendo tarifas moi accesibles para a veciñanza”.

Na mesma liña, o concelleiro de Mobilidade reiterou que “o piar dunha mobilidade máis sostible é un transporte colectivo que sexa fiable, que cubra as necesidades da veciñanza, e que teña prezos asequibles”. Por iso, Xan Duro reiterou “o esforzo económico que fai o Concello neste contrato, que responde ao convencemento de que este é un servizo público esencial”. O edil sinalou que “o transporte de Santiago vai estar á altura do século XXI, vai ser pioneiro en moitas cuestións como o deseño das liñas alimentadoras do rural, e vai saldar unha débeda cunha parte da veciñanza que ata o de agora non dispoñía do servizo”.

O novo contrato asinarase transcorridos 15 días hábiles desde a adxudicación pola Xunta de Goberno e, a partir dese momento, a UTE terá un prazo máximo de tres meses para iniciar a prestación do servizo nas condicións que se recollen no prego. Goretti Sanmartín insistiu en que “iso significa que antes de que remate o ano teremos funcionando a nova configuración das liñas, cos novos horarios e frecuencias, coas liñas alimentadoras do rural e o bus nocturno, e con todos os novos sistemas e APP de información para os usuarios e usuarias”. Neste sentido, a alcaldesa asegurou que “as facilidades e a fiabilidade do servizo para as persoas usuarias cambiarán radicalmente e serán perceptibles desde o inicio da prestación, este mesmo outono.”

Frota de transición

O inicio da prestación do servizo farase cunha frota provisional, que a empresa adxudicataria terá un prazo máximo de 12 meses para substituir polos autobuses definitivos vinculados ao contrato. Para garantir o mellor servizo desde o inicio da prestación, nos propios pregos estableceuse a obriga de garantir uns estándares de calidade e seguridade, que tiveran en conta cuestións como a accesibilidade, o confort ou o aforo. A empresa adxudicataria logrou a máxima puntuación posible neste apartado, “de modo que garantimos un enorme salto de calidade desde a entrada en vigor do contrato”.

Os autobuses ofertados pola empresa terán unha antigüidade media de 7,9 anos, e 15 deles serán xa 100% eléctricos. Ademais, a UTE ofertou autobuses provisionais de piso baixo integral e sistema de inclinación lateral para facilitar a accesibilidade; 40 dos 67 vehículos terán dobre rampla manual e automática; máis do 40% contarán con sistema de guiado óptico-acústico para persoas con discapacidades auditivas ou visuais; e os vehículos terán o mesmo tamaño e aforo que a frota definitiva, cun total de 6.150 prazas fronte ás 4.951 das que dispón a frota actual.

Unha vez que empece a funcionar a frota definitiva, nun prazo máximo de 12 meses desde a entrada en funcionamento do servizo, volveranse percibir melloras, algunhas delas non previstas inicialmente nos pregos e ofertadas pola adxudicataria. O concelleiro de Mobilidade salientou as melloras que teñen que ver coa accesibilidade, como a utilización de sistemas de información multimedia no vehículo; a incorporación de pictogramas específicos para persoas con TEA ou información en braille; ou a aplicación do sistema Navilens para persoas con dificultades visuais e auditivas. Ademais, a UTE adxudicataria ofertou melloras en canto aos sistemas de seguridade dos vehículos e o confort de pasaxeiros, como a incorporación de puntos de recarga de moviles ou a wifi gratuíta nos autobuses.

Autobuses con nova imaxe

Na rolda de prensa tamén se deu a coñecer como será a nova imaxe dos autobuses de Compostela, tal e como aparecía recollido nos pregos. Os vehículos recuperarán a combinación de cores azul e crema que tiveron ata os anos 90, incorporando unha franxa vermella que fai alusión á bandeira de Santiago. Esta nova imaxe utilizarase xa na frota de transición coa que empezará a funcionar o novo contrato.

Un cambio radical no servizo

A entrada en vigor do novo contrato irá acompañada dunha importante campaña informativa para dar conta das mudanzas no servizo. Tal e como lembrou a alcaldesa, modificarase sensiblemente o mapa de liñas, para ampliar a cobertura e evitar solapamentos. As principais novidades son a denominada liña “Transantiago”, que irá desde o límite de Santiago co Milladoiro ata o límite de Santiago con Sigüeiro cunha frecuencia de 30 minutos; e as liñas alimentadoras do rural. Serán un total de tres: a primeira cubrirá os lugares de Barciela, Busto, Nemenzo, Berdía, Marzo de Abaixo, Son, A Gracia e Bálsoma; a segunda irá por Santa Cristina de Fecha, Lamascal, San Xoán de Fecha, Brins e Pardaces; e a terceira daralle servizo ás parroquias de Marrozos e O Eixo. As persoas usuarias destas liñas terán dereito a dous transbordos gratuítos para poder completar as súas viaxes desde as parroquias ata o centro urbano.

Ademais, mantense a liña lanzadeira ao aeroporto, con frecuencias de 30 minutos desde as 7 da mañá ata as 24.30 horas; e refórzase o servizo aos polígonos industriais, ampliando os horarios destas liñas desde as 7 da mañá ata as 11 da noite. Tamén se introduce o bus nocturno de mércores a sábado, con servizos desde as 23.00 ata as 5.00 nas dúas liñas circulares que cobren o traxecto de Fontiñas, Hospitais, Campus Sur, Vite e Campus Norte.

Este redeseño das liñas virá acompañada da renovación do Sistema de Apoio á Explotación, que tamén suporá unha notable mellora do servizo para as persoas usuarias, que disporán dunha nova APP que ofrecerá información interactiva das liñas, coas súas frecuencias e horas de paso por cada parada, dar conta da previsión da ocupación da viaxe seleccionada, ou informar da xeolocalización de cada autobús en tempo real. Tal e como se recolle no prego, a información deberá ser actualizada cada 5 segundos.

En canto ás tarifas, o prezo estimado do billete ordinario será de 1,40 euros; e o do billete escolar queda en 0,56. Co bono ordinario, a modalidade máis utilizada, o prezo da viaxe será de 0,63 euros, só 3 céntimos máis que na actualidade. O bono mensual, que dá dereito a viaxes ilimitadas durante 30 días, quedaría en 35 euros.

Custos económicos

O contrato do transporte urbano saira a licitación cun orzamento base de 128,6 millóns de euros, correspondente á subvención compensatoria municipal prevista para os 13 anos de prestación. Dentro deste orzamento incluíanse dous conceptos: o importe máximo do gasto autorizado para compensar ao contratista polos custos de amortización, financiamento e beneficio industrial, que se prevían nos pregos en 45,5 millóns de euros; e o importe máximo autorizado para os custos de operación, establecidos nos pregos en 83 millóns de euros.

En canto ao primeiro concepto, a oferta da adxudicataria recorta a cifra prevista en 10 millóns de euros, atra os 35,8 millóns, de maneira que se rebaixará o custo do contrato para o Concello. No caso dos custos de operación, a UTE adxudicataria rebaixou os prezos por kilómetro previstos nos pregos, pasado de 3,03 euros a 2,5 no caso do diésel; e de 2,7 a 2,3 euros, no caso do gas e a electricidade. Tal e como explicou Xan Duro, “esta rebaixa abre a posibilidade de que o Concello consuma un número de quilómetros superior ao inicialmente estimado, de maneira que teremos máis marxe de manobra para a adaptación das liñas ás novas necesidades e demandas que vaian xurdindo ao longo dos 13 anos do contrato”.

Deja un comentario