Friday 22 de November de 2024

Os postos de venda ambulante integrados nas festas parroquiais non terán que pagar a taxa por ocupación de chan público


O Concello de Cambre abordará no próximo pleno a modificación da ordenanza fiscal número 16 reguladora da taxa por Ocupación de Terreos de Uso Público con Postos, Barracas, Casetas de Venda, Espectáculos, Atraccións ou Recreo, e por Mesas e cadeiras con finalidade lucrativa. A modificación consiste fundamentalmente en aclarar a normativa en canto ao pago por utilización de chan público no caso de festexos populares organizados por entidades sen ánimo de lucro. Neste caso, este tipo de asociacións ou entidades non teñen a obrigación de pagar pola ocupación de chan público por considerar na modificación da normativa que o interese social destas actividades e a ausencia de ánimo de lucro das organizadoras destes festexos prevalece e non se considera unha actividade económica.

Do mesmo xeito, neste tipo de festas de interese cultural e social a autorización da reserva do espazo pola comisión de festas ou asociación correspondente xa implica a daquelas actividades que se realicen no recinto reservado polo que os postos de venda ambulante, por exemplo, non terán que facer fronte á taxa.

Doutra banda, destaca un cambio importante que se refire á flexibilización no cobro das ampliacións das terrazas no período estival para todos aqueles hostaleiros que pagan a cota anual. Poderán a partir de agora incrementar o número de mesas durante xuño, xullo e agosto ata un 30% pagando a mesma cota por metro cadrado (prezo anual). No caso superarse o 30% pagarán polo exceso o que estipule a ordenanza fiscal. O obxectivo da proposta é adaptar a normativa á climatoloxía local.