• O grupo das concelleiras Non Adscritas destaca que o campión do mundo “transcende con moito os seus éxitos deportivos” e representa “o talento, o compromiso, a humildade e a valentía”
• A iniciativa busca recoñecer tanto a súa traxectoria deportiva como o seu compromiso social e a defensa dos dereitos e da igualdade dentro e fora do terreo de xogo
O concelleiro Non Adscrito, Gonzalo Muíños, propuxo este xoves distinguir a Borja Iglesias outorgándolle a Medalla de Ouro da cidade ao mérito deportivo, en recoñecemento a súa traxectoria tras converterse no primeiro galego en gañar a Copa do Mundo; e aos valores que representa dentro e fóra do terreo de xogo.
Para Muíños, o recente título de campión do mundo supón un novo fito na carreira do futbolista compostelán, pero considera que os motivos para esta distinción van moito máis alá dos seus éxitos deportivos. “Borja Iglesias é un referente que transcende con moito o fútbol. Como campión do mundo merece o recoñecemento da súa cidade, pero, sobre todo, merece ese recoñecemento polos valores que representa”, afirma.
O concelleiro destaca que durante o Mundial volveu quedar patente o papel de liderado que desempeña dentro do vestiario. “Moitos dos seus propios compañeiros definírono como o ‘irmán maior’ da selección, unha persoa capaz de liderar desde o exemplo e de coidar do grupo. Ese papel fala da súa calidade humana e do respecto que esperta entre quen comparte equipo con el”, sinala.
Muíños lembra tamén que Borja Iglesias xa protagonizara un xesto de enorme repercusión ao renunciar á convocatoria da selección absoluta en solidariedade con Jenni Hermoso, unha decisión que cualifica de “valente” e que, ao seu xuízo, puxo de manifesto que “hai momentos nos que defender os principios está por riba de calquera éxito deportivo”.
A proposta tamén pon en valor o compromiso social do futbolista compostelán. Durante o Mundial, lembra o edil, Borja Iglesias aproveitou a súa proxección pública para denunciar a homofobia, visibilizar distintas inxustizas sociais e criticar os elevados prezos das entradas da final, demostrando que entende o deporte como unha ferramenta para contribuír á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
“Borja Iglesias representa o talento, o compromiso, a humildade e a valentía. É un exemplo para moitas xeracións e un dos veciños máis universais que ten Santiago de Compostela. Por iso cremos que a cidade debe renderlle a homenaxe institucional que merece”, concluíu Gonzalo Muíños.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.