Sunday 26 de July de 2026

O PSdeG denuncia que a Xunta interrompe tratamentos de rehabilitación en Conxo pola súa falta de planificación


Aitor Bouza alerta de que persoas usuarias do Servizo de Rehabilitación do Hospital de Conxo están a recibir a cancelación das súas sesións ata despois do verán e acusa á Xunta de non garantir a continuidade asistencial por non cubrir as vacacións do persoal.

O deputado socialista anuncia unha iniciativa no Parlamento de Galicia para esixir que se repoñan inmediatamente as sesións canceladas, se cubran todas as ausencias do persoal e se aprobe un plan específico de cobertura estival para os servizos de rehabilitación.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, denunciou hoxe a cancelación de citas no Servizo de Rehabilitación do Hospital de Conxo ata despois do verán e acusou á Xunta de Galicia de non planificar a cobertura das vacacións do persoal. O dirixente socialista anunciou que levará esta situación ao Parlamento galego para reclamar solucións inmediatas.

Bouza explicou que foron as propias persoas usuarias as que trasladaron ao PSdeG que “a Xunta de Rueda canceloulles a súa cita ata despois do verán”. Ao seu xuízo, estas persoas “non poden agardar a que volvan de vacacións dende a Xunta de Galicia” e esta situación responde a unha “falta de planificación evidente”, que está a interromper tratamentos que resultan esenciais para a recuperación dos pacientes.

O deputado socialista insistiu en que “non se lle pode botar a culpa a todas esas persoas que teñen dereito a desfrutar das súas vacacións”, senón que a responsabilidade é “da nula planificación, da falta de planificación da Xunta de Galicia”. Por iso reclamou que o Goberno galego “cubra a totalidade de todas esas vacacións e permisos das persoas do Servizo de Rehabilitación” para “garantir o dereito a todas esas persoas usuarias deste Servizo de Rehabilitación”. A iniciativa rexistrada polo PSdeG advirte de que estas interrupcións poden atrasar a recuperación dos pacientes e comprometer a continuidade asistencial.

Bouza “esiximos ao señor Rueda que poña unha solución inmediata” porque “vemos que este caos se suma xustamente a todos os que vimos coñecendo no Servizo de Urxencias, no Servizo de Atención Primaria de todos estes últimos meses”. Ao seu xuízo, trátase de “un ataque frontal, un recorte permanente á Sanidade Pública”, consecuencia dunha política que deteriora progresivamente a atención sanitaria pública.

O secretario xeral do PSdeG anunciou que “hoxe, é o Servizo de Rehabilitación o cal exixiremos que se repoña de maneira inmediata no Parlamento de Galicia”. A iniciativa socialista reclama garantir a continuidade asistencial durante todo o ano, cubrir todas as substitucións do persoal e elaborar un plan específico de cobertura estival para os servizos de rehabilitación de Galicia.

Finalmente, Bouza asegurou que “iso é o que nos imos a seguir reivindicando, o que imos a seguir esixindo ao señor Rueda”, porque “sexa verán, inverno, primavera ou outono, todas as persoas teñen dereito a ter os seus dereitos garantidos” e, neste caso, a un “servicio de rehabilitación que tanto é necesario para estas persoas”.

Deja un comentario