Sunday 26 de July de 2026

A quinta edición do Xiradiscos ofrecerá música alternativa en Ribeira no 8 de agosto


 Constará do mercadiño cultural e actuacións en directo

A música soará novamente en Ribeira no sábado, 8 de agosto, coa quinta edición do Xiradiscos, na praza de Porta do Sol; unha feira alternativa que contará cun mercadiño cultural, a partir das 11.00 horas, cunha ducia de postos de artistas e artesáns, principalmente do Barbanza, que porá o foco na arte, concretamente, na pintura, na ilustración e na escultura, ademais de vinilos. Tampouco faltarán as actuacións en directo na tarde-noite, das 21.00 horas en diante, con Three Blind Crows (de Pontevedra, blues/punk), Samesugas (de Santiago de Compostela, punk/rock), Feed the Pet (de Ferrol, indierock), e Toño Ferreirós (de Boiro, sesión en vinilo).

Trátase dun evento impulsado por Smart Multiservizos e Radix Records -representados na persoa de José Manuel Martínez, Manuel Parada e Nati Mirás- coa colaboración do Concello de Ribeira e diversas empresas que busca outorgarlle un espazo no calendario municipal á cultura alternativa e independente que naceu baixo o formato dunha feira do disco para ir reinventándose ano tras ano.

A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, destacou que esta actividade, a cal se enmarca na programación da Fiestra da Cultura, “conta cun gran número de adeptos que fixo que, convocatoria tras convocatoria, esta feira fose medrando e incorporando actividades para redimensionarse.” Neste senso, a edil referiuse a este evento como “un punto de encontro para os nostálxicos do formato físico do vinilo e amantes de xéneros musicais máis alternativos, ademais dunha boa oportunidade para descubrir este mundo cultural para quen aínda non se animase a mergullarse no mesmo.”

Pola súa parte, José Manuel Martínez, Nell, sinalou que o obxectivo é sacar esta música “do garaxe, do underground, á rúa”. Tamén valorou positivamente a evolución desta proposta cultural que xurdiu no 2022 na praza de Vigo, onde permaneceu dous anos, para, ao ir in crescendo, pasar á praza de Porta do Sol con outras accións complementarias como presentacións literarias e ocio para a rapazada. Apuntou, ademais, que as últimas estatísticas constatan un maior consumo desta música alternativa e dos soportes físicos entre a mocidade.

Finalmente, Nati Mirás afondou no contido do mercadiño cultural que contará, por suposto, co clásico espazo á compravenda de discos de vinilo de colección e edicións especiais da man de Radix Records, un selo discográfico independente nacido no 2009 en Ribeira que edita os vinilos de numerosas bandas do panorama musical estatal. Así mesmo, este selo posibilita a participación dos grupos que tocan no Xiradiscos.

Deja un comentario