Alternativa dos Veciños de Carral vén de rexistrar un escrito dirixido a UFD Distribución Electricidad, S.A. (Grupo Naturgy) para trasladar as numerosas queixas formuladas pola veciñanza de Taramuño (San Vicente de Vigo) polas continuas incidencias que sofren na subministración eléctrica.
Segundo trasladan os propios afectados, estas incidencias veñen producíndose desde hai anos, cun incremento significativo durante o último ano.
Os cortes de luz repetidos, as baixadas e subidas de tensión e os continuos picos eléctricos, son o habitual para a veciñanza de Taramuño, chegando incluso a producirse numerosas incidencias nun mesmo día.
Esta situación está a ocasionar importantes prexuízos na vida cotiá da veciñanza e sen que UFD, sendo coñecedora da problemática , buscase unha solución .
Desde AVCarral destacan que esta problemática afecta de maneira especial ás persoas maiores, dependentes e con discapacidade, que precisan dunha subministración eléctrica continua para o funcionamento de camas articuladas, guindastres de mobilización, dispositivos médicos e outros equipos imprescindibles para a súa seguridade e benestar.
As incidencias tamén dificultan a carga de vehículos eléctricos, afectan ao teletraballo e aos estudos, provocan avarías en electrodomésticos e equipos eléctricos, ocasionan perdas de alimentos polos cortes de subministración e impiden desenvolver con normalidade numerosas tarefas cotiás nos fogares.
No escrito presentado, Alternativa dos Veciños de Carral solicita que UFD leve a cabo unha inspección técnica urxente da rede eléctrica que abastece Taramuño, realice medicións da calidade da subministración, investigue a orixe destas incidencias e adopte as medidas necesarias para garantir unha subministración estable, segura e de calidade.
Así mesmo, a formación solicita que a empresa informe por escrito das actuacións realizadas, das conclusións obtidas e das solucións previstas para resolver definitivamente un problema que leva anos afectando á veciñanza e que se viu notablemente agravado durante o último ano.
Desde AVCarral consideran que esta situación “non pode seguir prolongándose no tempo nin poñer en risco a calidade de vida da veciñanza, especialmente das persoas máis vulnerables”, polo que confían en que UFD actúe coa máxima dilixencia para ofrecer unha solución definitiva.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.