Sunday 26 de July de 2026

O Compostela TradFest celebra a súa oitava edición con máis de doce horas de música polas Festas do Apóstolo


A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou a programación do festival, que se celebrará o vindeiro domingo 26 de xullo. O evento estende os seus fíos cara ao espazo lusófono, o mundo celta, a música ibérica e o folclore latinoamericano en escenarios como a praza da Quintana, a praza de Mazarelos e a Igrexa da Universidade.

Durante a rolda de prensa, Pilar Lueiro celebrou o inicio das Festas do Apóstolo 2026, “dez días de programación intensa, diversa e para todos os públicos” con todas as actividades de acceso libre, dende o convencemento de que “a cultura é un dereito e as festas e o goce colectivo, tamén”. O concerto da Real Filharmonía de Galicia e o pregón a cargo de Ghaleb Jaber Ibrahim abren este mércores o programa, que ten como especial novidade a proxección do videomapping sobre a fachada do Pazo de Raxoi que poderá verse o venres 24, despois dos tradicionais fogos, e o sábado 25 e o domingo 26, a partir das 23.30 horas.

A responsable municipal de Festas destacou que o TradFest é unha “xornada especialmente festeira que dura máis de 12 horas seguidas arredor da música tradicional, sobre todo, galega” con acceso libre de balde que propicia un ambiente interxeracional no que se integran todas as persoas asistentes. “A foliada está garantida, polo tanto convidamos a veciñanza a formar parte desta xornada festeira”, engadiu.

Na mesma liña, Marcos Gómez animou a composteláns e visitantes a gozar das rúas de Santiago este domingo nun evento que mestura tradición e contemporaneidade.

Pola súa banda, Vítor Belho puxo o foco en que este evento fai parte indisociable das Festas do Apóstolo e que este ano ten especial presenza no centro da cidade, incorporando a Igrexa da Universidade como escenario.

Budiño avanzou que ademais da presentación do seu último disco, ‘Branca vela’, tocará dúas cancións dedicadas a Compostela, nun concerto que será súa “badalada número 12” na praza da Quintana.

Ignacio Carballo agradeceu o apoio institucional que sostén un evento no que “a cidade se involucra, desfruta, baila e canta” e desexou longa vida ao TradFest.

O domingo 26 de xullo Santiago transformarase nun escenario vivo onde a tradición se reivindica como a modernidade do século XXI. Este ano, o TradFest estende os seus fíos máis alá das nosas fronteiras para tecer un diálogo internacional que conecta a música tradicional galega co espazo lusófono, o mundo celta, as músicas ibéricas e o folclore latinoamericano, cun cartel con artistas de Galicia, Arxentina, Portugal, Escocia e Castela.

O festival desenvólvese en distintos espazos emblemáticos da cidade como a Igrexa da Universidade, a praza de Mazarelos e a praza da Quintana.

Unha cita imprescindible nas Festas do Apóstolo 

O festival arrancará ás 12.00 horas na praza da Quintana cun concerto moi especial da Banda de Música Municipal de Santiago, dirixida por David Fiuza, que presentará o programa “Horizonte Tradi”, unha viaxe sinfónica pola música tradicional dende unha perspectiva contemporánea, con arranxos de Pedro Lamas e a participación de tres solistas de nova xeración: María López (gaita e zanfona), Nuno Estévez (acordeón) e Ernesto Martínez (voz e frauta).

A Igrexa da Universidade acollerá propostas íntimas e de gran valor musical como a de Ana Alcaide, ás 12:30 h, que xunto ao multiinstrumentista americano Bill Cooley, proporá unha viaxe a través de historias e lendas de varias culturas do mundo, mediante o emprego de instrumentos curiosos de diferentes latitudes como a nyckelharpa, o violín de Hardanger, o salterio, o ud turco ou o bouzouki.

Neste mesmo espazo, ás 16:00h, terá lugar o concerto do coro de cámara compostelán Vox Stellae, coñecido por recuperar a música galega, tanto a dos arquivos das catedrais como a creación contemporánea e a música popular. Ás 19:45h, toma o relevo o portugués O Gajo coa súa viola campaniça, un instrumento de raíz tradicional que forma parte da historia centenaria e cultural de Portugal.

Pola súa banda, a praza de Mazarelos vibrará cos ritmos folclóricos fusionados coa electrónica do arxentino Martín Bruhn, ás 13:30h. A partir das 17:00h, a música tradicional non parará grazas á enerxía das Ferrinhas Bravas, Faíscas da Pontraga e Os da Porfía.

Cara ó solpor, ás 20:30 h, este mesmo espazo acollerá un encontro histórico: o do recoñecido gaiteiro escocés Allan MacDonald xunto a Chick McAuley & friends, unindo Escocia e Galicia a través da música.

O broche de ouro da noite será na Praza da Quintana a partir das 22:00 h con dúas das figuras máis relevantes da nosa música de raíz: a inconfundible voz de Felisa Segade e a gaita vangardista de Budiño.

Todo isto complementado polas ruadas que durante toda a xornada protagonizarán Trópico de Grelos e Os Enxebres de San Lázaro, garantindo o ambiente festivo nas rúas da cidade. Ademais, a Praza de Mazarelos acollerá un mercado de artesanía de 11.00 a 22.00 horas.

O Compostela TradFest é un evento organizado polo Concello de Santiago e promovido por La Voz de Galicia, co patrocinio de Espina & Delfín. A produción corre a cargo de Nordesía Producións e aCentral Folque, e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.

Deja un comentario