Sunday 26 de July de 2026

O BNG valora a retirada do Awadi, pero reclama acabar co abandono dos peiraos de Ribeira


Luís Pérez Barral: “É unha noticia positiva que por fin se actúe, pero estas actuacións chegan con meses de atraso e evidencian a falta de planificación e compromiso de Portos de Galiza”

O Bloque Nacionalista Galego valora positivamente que Portos de Galiza actúe por fin para retirar do porto de Ribeira o barco Awadi, calcinado desde o pasado mes de setembro, así como do camión que permanecía abandonado no porto desde o incendio rexistrado no mes de maio. Porén, a formación nacionalista considera que estas actuacións “chegan tarde” e son consecuencia das reiteradas denuncias realizadas polo sector e polo propio BNG durante os últimos meses.

O exalcalde e portavoz, Luís Pérez Barral, lembra que o BNG xa advertira hai tempo do risco que supoñía manter ambas as dúas estruturas abandonadas no porto durante tanto tempo. “É unha boa nova que por fin se actúe, pero estas actuacións tiñan que terse realizado hai meses. O feito de que un barco calcinado permanecese desde setembro no porto ou que un camión queimado seguise ocupando espazo durante semanas demostra o desleixo co que Portos de Galiza está xestionando as instalacións portuarias”, afirmou.

O BNG segue defendendo un plan de investimentos que o PP nega
Barral sinalou que a retirada destes elementos “non pode servir para dar por resoltos os problemas dos peiraos de Ribeira”, xa que continúan existindo numerosas deficiencias que afectan á seguridade, á actividade pesqueira e á imaxe dun dos portos de descarga de peixe fresco máis importantes de Europa. “O estado dos peiraos non está á altura da importancia económica que teñen para Ribeira nin para Galiza. Falamos dun porto estratéxico como un dos que abandeira a descarga de peixe fresco en Europa, que xera emprego e riqueza, pero que sofre un abandono continuado por parte da Xunta e de Portos de Galiza”, denunciou.

O portavoz nacionalista fixo mención ás iniciativas presentadas en abril polo BNG, tanto no Concello de Ribeira como no Parlamento Galego, reclamando un plan de investimentos e mantemento para os portos do municipio, advertindo do deterioro das instalacións, da falta de limpeza, dos problemas de iluminación, das deficiencias nas ramplas, escaleiras e pavimentos, do mal estado das infraestruturas destinadas ao sector e da ausencia de medidas de seguridade, como o funcionamento das cámaras de vixilancia. “Meses despois comprobamos que algunhas das demandas que formulabamos seguen sen resolver. Se Portos actuase con dilixencia, o Awadi e o camión non terían permanecido tanto tempo no porto. É evidente que o Partido Popular non responde coa rapidez nin coa responsabilidade que merece un sector estratéxico para a nosa economía”, asegurou Pérez Barral.

A día de hoxe hai elementos perigosos sen reparar como as escaleiras esnaquizadas en Aguiño desde hai máis dun ano, a fenda cada vez maior na rampla de Castiñeiras ou un muro danado en Corrubedo tras os temporais que continúa sen ser reparado. No apartado de infraestruturas a nave das redeiras en Aguiño precisa unha nova cuberta, as chabolas de Castiñeiras teñen goteiras e a lonxa vella de Ribeira segue abandonada sen o uso comprometido para os redeiros. En materia de seguridade, as cámaras levan anos sen funcionar mentres se suceden os roubos de combustible ou material de traballo do sector do mar.

Desde o BNG consideran que estas actuacións puntuais “non poden ocultar a falta dun proxecto de futuro para os portos de Ribeira” e insisten en que é necesario un compromiso real por parte da Xunta para modernizar as instalacións e garantir o seu correcto mantemento. “O PP chega tarde. Actúa cando a situación xa é insostible ou cando a presión do sector e da oposición fai imposible seguir mirando cara outro lado. Ribeira merece uns peiraos ben conservados, acordes coa súa relevancia dentro do sector pesqueiro”, manifestou o portavoz.

O BNG continuará trasladando ás institucións as demandas dos profesionais do mar e esixindo un plan plurianual de investimentos que permita rematar co abandono dos peiraos do municipio. “Os traballadores e traballadoras do mar precisan unha Xunta que estea á altura, que planifique, invista e coide una das infraestruturas esenciais para o futuro económico de Ribeira. Iso é, precisamente, o que imos seguir facendo dende o BNG, estando ao lado do sector do mar”, concluíu Luís Pérez Barral.

Deja un comentario