Nova iniciativa no marco da campaña de sensibilización “Reducir, reutilizar e reciclar está nas túas mans”. Co obxectivo de mellorar a clasificación en orixe dos residuos domiciliarios, o Concello de Neda enviará aos fogares da localidade un folleto divulgativo, detallando o que vai en cada colector.
A administración local remitirá nas vindeiras semanas ao redor de 2.000 misivas con este material informativo, que explica, de forma gráfica, o que debe ir parar ao colector amarelo (envases de plásticos, metal e bricks), e aos iglús azul (papel e cartón) e verde (envases de vidro) que hai distribuídos por todo o municipio, así como aos 170 composteiros entregados ás familias nedenses nos últimos anos.
En paralelo, o tríptico, que complementa a trintena de publicacións realizadas nas redes sociais nas últimas semanas, e estará dispoñible proximamente na web municipal, informa sobre recollidas adicionais que existen na localidade.
Así, detense nos puntos de recollida de aceite de cociña usado; nos de roupa e calzado usados; nos de medicamentos, ou nos de residuos perigosos como pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, pilas, lámpadas fluorescentes ou tóner, sen esquecese de apuntar a existencia do servizo gratuíto de retirada de voluminosos.
Trátase dunha acción máis da campaña “Reducir, reutilizar e reciclar está nas túas mans”, destinada a tratar de minorar a cantidade de refugallos que van parar ao colector de restos, é dicir, a fracción que non se aproveita, e incrementar a cantidade de residuos que se reciclan na vila, prestando especial atención a acabar cos impropios que van parar aos 192 colectores existentes no territorio municipal.
Precisamente son esas as condicións que Sogama establece para que os Concellos poidan optar a un prezo bonificado polo tratamento do lixo, tras a subida experimentada no 2025.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.