As Festas do Apóstolo 2026 botan a andar mañá, mércores 22, co pregón a cargo do empresario e impulsor da Fundación Araguaney Ghaleb Jaber Ibrahim, que terá lugar ás 21.30 h desde o balcón do Pazo de Raxoi. Antes, desde as 20.00 horas, a praza da Quintana acolle o concerto da Real Filharmonía de Galicia.
Volven as Festas do Apóstolo cunha programación marcada pola calidade e a diversidade cultural, co pregón de Jaber Ibrahim
O pistoletazo de saída do Apóstolo dáse este mércores, cun pregón a cargo de Ghaleb Jaber Ibrahim, médico e refuxiado que chegou a Compostela en 1970 e contribuíu a proxectar unha cidade máis diversa e lugar de intercambio cultural.
O pregón será ás 21.30 h dende os balcóns do Pazo de Raxoi, despois do concerto da Real Filharmonía de Galicia (RFG), que actúa na Quintana ás 20.00 horas dirixida por Baldur Brönnimann e co coa soprano Lada Bockova.
Dez días de festa ateigarán os grandes espazos dedicados a espectáculos, como a Quintana, o Obradoiro, a Alameda, Galeras, o Toural, Praza de San Martiño Pinario, Mazarelos ou o Parque Eugenio Granell, así como diversas localizacións no rural.
Concertos
A Quintana será o escenario da Mostra de Danza urbana o xoves 23 ao mediodía e do concerto de Julian Marley & The Uprising esa mesma noite. Ao día seguinte, o venres 24, ás 12.00 horas xuntaranse alí os xigantes e cabezudos para dirixirse ao Toural; e ás 21.00 horas Lila Dons actuará acompañada por Belén Tajes. O sábado 25 terán lugar no mesmo espazo as Xornadas de Folclore Galego e o domingo 26 e mediodía, o concerto Horizonte Tradi da Banda Municipal con Pedro Lamas, dentro do Tradfest, que traerá tamén á Quintana a Felisa Segade e a Budiño esa noite. O luns 27 será o turno de La Perra Blanco e o martes 28 abrirase paso a alegría flamenca da Festa Xitana Galega A Tarara. A continuación, o mércores 29 actuarán Bewis de la Rosa e Eris Mackenzie e o xoves 30, Shego. The Rapants porán o ramo as festas na Quintana o venres 31.
O Teatro Principal acollerá concertos Peregrinos Musicais o luns 27 e o mércores 29. De alí sairá tamén a comparsa de cabezudos o Día do Apóstolo.
Na Alameda, despois de celebrarse a edición XLVIII do tradicional Torneo de Chave a pasada fin de semana, actuarán as orquestras Finisterre (xoves 21), Compostela (venres 24), Tania Veiras e os Cumbiapop (sábado 25), Costa Dorada (xoves 30) e Suavecito (venres 31). As tardes do martes 28, mércores 29 e xoves 30 haberá xadrez ao aire libre, con partidas amistosas, lentas ou rápidas, de todos os niveis e idades.
Espectáculo pirotécnico e ‘vídeomapping’
Dende a Alameda lanzaranse tamén, como é tradicional, os fogos do espectáculo pirotécnico, que a noite do 24 encherá de cor o ceo de Compostela dende este parque e outros dous puntos: a Cidade da Cultura e o parque Carlomagno, nas Fontiñas. O venres 31 os fogos despedirán as festas, desde a Alameda.
O Obradoiro é o espazo que dá a benvida ao Apóstolo 2026 co pregón de Jaber Ibrahim e será tamén o Pazo de Raxoi o foco de atención do novidoso ‘videomapping’ que transformará a fachada do Pazo de Raxoi nun lenzo vivo, grazas á recadación da taxa turística. Este espectáculo ten unha duración de nove minutos e poderase ver os días 24, 25 e 26 de xullo. A noite do venres 24 haberá pases cada 15 minutos entre as 00.00 e as 2.00 horas, mentres que as dúas noites seguintes serán entre as 23.00 e a 1.00 horas.
Día do Traxe, Tradfest e Día de Padrón
O domingo 26 celebrase o Día do Traxe, con desfile de traxes tradicionais ás 11.45 desde a Alameda e ás 19.00 horas desde San Martiño. Esa mesma xornada, o Tradfest chega co ruadas e un completo programa de concertos que enchen de sons tradicionais a Igrexa da Universidade e as praza de Mazarelos e da Quintana.
O luns 27, a praza do Obradoiro será un ano máis o escenario de celebración do Día de Padrón en Santiago, coa actuación das bandas municipais de ambos os dous concellos ás 13.00 horas.
Festa Pícara e Compostela Cinema
O parque de Galeras encherase de música, xogos e diversión na Festa Pícara do Apóstolo o próximo xoves 23 de 17.30 a 21.00 horas coas actuacións musicais de Uxía Lambona e a Banda Molona e A Gramola Gominola, obradoiros e xogos para os máis pequenos.
Compostela Cinema volve cunha programación variada e repartida polas distintas zonas da cidade. Na praza da Lavacolla o luns 27 proxectarase ‘Flow’ ás 20.00 horas e ‘Sirat’ ás 22.00 horas. Na praza da Veciñanza da Gracia o martes 28 ás 20.00 horas haberá un pase de ‘Wallace y Gromit: la venganza se sirve con plumas’ e a continuación, ‘San Simón’ ás 22.00 horas. No exterior do Centro Cultural de Berdía o mércores 29 poderase ver ‘A galiña Turuleca’ ás 20.00 e Romería ás 22.00 horas. Finalmente, no Parque Eugenio Granell o xoves 30 haberá pases de ‘Nocturna’ (20.00 horas) e ‘Rondallas’ (22.00 horas)
Completan a programación as alboradas e os Cantos de Taberna, en San Lázaro e San Pedro o venres 31.
Punto Lila e atraccións sen ruído
Como en anos anteriores haberá un Punto lila na Alameda do 22 ao 31 de xullo de 20.00 a 1.00 horas. As atraccións estarán instaladas ata o 2 de agosto e inclúen tres días de horario inclusivo sen ruído para que poidan ser accesibles a todas as persoas: de 17 a 19 horas os días 21, 28 e 29.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.