O Grupo Municipal Socialista reclama á Xunta un calendario definitivo para o novo aparcadoiro do CHUS e medidas inmediatas para mellorar a mobilidade mentres non se execute a infraestrutura.
A iniciativa socialista lembra que a principal responsabilidade corresponde ao Goberno galego, que leva anos acumulando atrasos, modificando prazos e incumprindo os compromisos adquiridos.
Marta Abal insta tamén ao Concello a exercer con firmeza o seu papel na comisión de seguimento para defender os intereses de Santiago e lamenta a abstención do Goberno de Sanmartín.
A concelleira socialista Marta Abal defendeu hoxe no Pleno a iniciativa do Grupo Municipal Socialista para esixir á Xunta que cumpra dunha vez por todas cos compromisos adquiridos co novo aparcadoiro do Hospital Clínico e poña en marcha medidas inmediatas que melloren a mobilidade na súa contorna. A proposta foi aprobada co voto favorable do PP, mentres o Goberno de Sanmartín optou pola abstención.
Abal advertiu de que o estacionamento do CHUS leva “demasiados anos acumulando atrasos e promesas incumpridas”, unha situación que atribuíu á Xunta de Galicia. Por iso, explicou que a iniciativa socialista busca que o Goberno galego “dea explicacións, fixe un calendario certo” e cumpra “dunha vez por todas, cos compromisos adquiridos”.
A concelleira insistiu en que a proposta non se limita ao novo aparcadoiro, senón que tamén busca mellorar os problemas de acceso ao CHUS. Neste sentido, reclamou que “tanto a Xunta como o Concello poñan en marcha, de inmediato, medidas de mellora da mobilidade” e lembrou que “non se entende por que non o habilita xa mentres o novo aparcadoiro non estea construído”.
A socialista defendeu tamén que se estableza “canto antes o modelo de xestión”, estudando “bonificacións para os veciños e veciñas de Santiago”, e reclamou que o Concello exerza “o papel que lle corresponde na defensa dos intereses da cidade”.
Abal valorou positivamente que o Pleno respaldase a iniciativa socialista, xa que “compromete ás dúas administracións, cada unha no ámbito das súas responsabilidades”, aínda que lamentou que o Goberno municipal optase pola abstención.
Para rematar, a concelleira asegurou que “xa non hai máis escusas” e reclamou que as dúas administracións asuman as súas responsabilidades. A Xunta, afirmou, “ten que cumprir os compromisos adquiridos”, mentres que o Concello debe “exercer con firmeza o seu papel na comisión de seguimento”, porque Santiago necesita “dúas administracións implicadas, non dúas administracións botándose a culpa mutuamente”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.