Tuesday 21 de July de 2026

BNG de Santa Comba denuncia defectos na obra de reparación da estrada que vai do Outeiro a Tapia en San Cristobo de Mallón


A estrada presenta eivas como un ancho insuficiente.

Tamén se atopan problemas evidentes no sistema de drenaxe da propia pista e das súas gabias.

BNG reclama unha obra que cumpra cos estándares mínimos para a veciñanza de Santa Comba.

O responsábel local do BNG de Santa Comba, Xoán David Sixto, facéndose eco das demandas da veciñanza máis directamente afectada, denuncia os problemas que presenta a estrada, de recente reparación, que vai desde O Outeiro a Tapia en San Cristobo de Mallón. “A estrada é excesivamente estreita, con só 4’40 m de ancho, malia ter espazo nos laterais para facer unha estrada en condicións, e con tramos que estreitan, sen sinalizar, até os 3’90 m, co conseguinte perigo”, asegura o portavoz local. Un problema evidente que semellaría doado de solucionar de incluír o espazo lateral que a propia vía deixa, e que permitiría o paso de vehículos sen poñer en risco a súa integridade ao cruzárense no seu paso, ou que como mínimo debería solventarse “cunha correcta sinalización para evitar sinistros”.

A este problema súmanse, tal e como indican desde o BNG, ineficiencia no sistema de drenaxe e posíbeis danos nos vehículos ao ter deixado as tapas dos sumidoiros moi por debaixo da altura da vía. “Un perigo que pode acabar provocando accidentes graves, simplemente pola desidia de facer as cousas a medias”, indicaba Sixto. Ademais, “a gabia que vai por debaixo da estrada, no canto de contar con tubaxes ampliadas, mantén o mesmo diámetro, de só 30 cm”, insuficiente para o correcto paso de auga en momentos de chuvia intensa como os que houbo o pasado inverno e que poden repetirse e mesmo ampliarse.

“Recoñecemos que a obra era necesaria e que é un paso adiante positivo na mobilidade de Santa Comba, mais é evidente que presenta eivas que se deberían subsanar, sexan por non estaren contempladas no proxecto, sexan por unha deficiente execución da obra” comentaba o portavoz nacionalista. “Santa Comba merece máis, e desde logo, neste caso atopamos unha estrada que está por debaixo dos estándares mínimos esixibles para a nosa veciñanza”, sentenciaba Xoán David Sixto.

Deja un comentario