Tuesday 21 de July de 2026

O Concello subvenciona o Club de Regatas Perillo con 16.610 euros para a organización das regatas da Liga Galega


O Goberno municipal aprobou concederlle unha subvención de 16.610 euros ao Club de Regatas Perillo para a organización da XI Bandeira Concello de Oleiros feminina e a XXV Bandeira Concello de Oleiros masculina, que se celebran este sábado 25 de xullo en Perillo. Ambas probas deportivas forman parte da Liga Galega de Traiñeiras e contarán coa participación das dúas tripulacións locais e outros 13 equipos, femininos e masculinos.

A regata masculina comezará ás 15:30 horas e a feminina ás 16:30. O mellor lugar para seguir a competición desde terra será o miradoiro do Parque Rafael Astor, en Nirvana. Tamén será retransmitida en directo a través da Televisión de Galicia, na súa segunda canle.

O Club de Regatas está a completar unha extraordinaria tempada, tanto en categoría feminina como masculina. As mulleres ganaron todas as regatas disputadas ata o momento e lideran a Liga Galega con claridade. Os homes ganaron unha das regatas e ocupan a 2ª posición na categoría B.

Coa subvención concedida polo Concello, o Club de Regatas poderá sufragar o 100% dos premios que recibirán os equipos participantes nas regatas, así como todos os gastos derivados da organización destas importantes competicións deportivas.

Deja un comentario