Tuesday 21 de July de 2026

O Concello insiste no Consorcio metropolitano de transporte e na execución das infraestruturas pendentes para acabar co colapso viario da comarca


O Concello de Oleiros considera que a mobilidade continúa a ser o principal problema que sofre a comarca da Coruña e reclama a posta en marcha dun verdadeiro sistema de transporte público metropolitano, coordinado e eficaz, xunto coa execución das grandes infraestruturas viarias que permanecen pendentes tanto por parte da Xunta de Galicia como do Ministerio de Transportes. O Goberno municipal aposta por convocar unha reunión proximamente entre as distintas administracións e os concellos da comarca para reclamar conxuntamente solucións urxentes que permitan mellorar a mobilidade e rematar co colapso que sofre a área metropolitana da Coruña.

O Goberno municipal lembra que os atascos diarios nos accesos á cidade non se resolverán con medidas illadas, senón cunha planificación conxunta de toda a área metropolitana. Neste sentido, defende a creación dun Consorcio Metropolitano de Transporte, liderado pola cidade da Coruña e integrado polos concellos da súa contorna, entre eles Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo… Este organismo permitiría planificar de forma coordinada as liñas, frecuencias, tarifas e investimentos do transporte público, priorizando as necesidades da cidadanía fronte ás actuais limitacións derivadas das fronteiras administrativas ou dos intereses das empresas concesionarias.

O Concello considera que a nova concesión do servizo de autobús urbano da Coruña representa unha oportunidade histórica para avanzar cara a unha auténtica rede metropolitana. Por iso, reclama que o novo contrato sexa flexible e estea preparado para adaptarse á futura creación do consorcio, permitindo ademais que as liñas urbanas poidan prestar servizo máis alá dos límites do municipio coruñés, conectando eficazmente cos concellos da área metropolitana.

Así mesmo, o Goberno municipal insiste en que a mellora do transporte público debe ir acompañada da execución das infraestruturas viarias pendentes. Neste sentido, critica que a Xunta continúe sen completar a conexión da vía Ártabra coa AP-9, unha actuación que permanece paralizada desde hai máis de seis anos tras diversos erros no proxecto e na súa contratación. Esta situación mantén colapsado o principal acceso á cidade da Coruña, polo que circulan arredor de 90.000 vehículos diarios. O Concello tamén considera imprescindible que o Ministerio de Transportes desbloquee a ampliación da Ponte da Pasaxe, unha actuación estratéxica para mellorar a mobilidade da área metropolitana.

Sen estas infraestruturas e sen un sistema de transporte público verdadeiramente metropolitano, será imposible resolver un problema de mobilidade que miles de persoas padecen todos os días.

Deja un comentario