Comezan por fin as obras de substitución das fiestras da Casa da Cultura, adxudicadas a finais de abril á empresa Anllar Mantenimiento y Construcciones SL. Renovarase a totalidade das carpinterías exteriores do inmoble, coa única excepción das do salón de actos, cambiadas o pasado ano. A intervención contribuirá a mellorar a eficiencia enerxética do edificio.
A administración local investirá 70.136 euros (IVE incluído) no cambio dun total de 25 ventás de distintos tamaños, ademais das distintas portas do edificio. As novas, realizadas en PVC, contarán con “acristalamento con vidros laminares e baixo emisivos”.
A intervención suporá unha actualización da imaxe do inmoble (soto e tres andares), que aínda conserva moitas das fiestras orixinais, e facilitará o aforro no consumo eléctrico derivado de quecer e para arrefriar as instalacións culturais.
Ademais, a novas ventás contribuirán a mellorar a acústica e reforzar a seguridade en caso de incendio. Neste sentido, procederase á retirada das reixas das salas de lectura da biblioteca, nas que se instalarán vidros laminares anti-intrusión.
O Concello sufragará estas obras con cargo aos fondos provincias do POS 2025 da Deputación da Coruña. A intervención constitúe unha nova fase do proceso de posta a punto do edificio cultural, tras a substitución da cuberta e a mellora do salón de actos realizada o pasado ano.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.