A alcaldesa, María Sampedro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, fixéronlle entrega dun obsequio
Ribeira conta con moitos veciños centenarios, entre eles, José Fernández Gude, quen cumpriu 102 anos no pasado venres, 17 de xullo. Este veciño de Aguiño soprou as candeas acompañado da súa familia; un momento que tampouco se quixeron perder a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, quen quixeron felicitalo en persoa polo seu aniversario e facerlle entrega dun obsequio consistente nun barco de cerámica.
“Aquí vivimos moi ben e proba disto son os numerosos veciños centenarios que temos. Sempre é unha ledicia ver esa vitalidade da que gozan chegada a certa idade e todo canto hai que aprender deles, pois son parte vida da nosa historia recente e atesouran moita sabedoría. Ogallá saber o segredo da súa lonxevidade para chegar tan lonxe e tan ben física e mentalmente como José”, apunta a mandataria local.
Este veciño de Aguiño navegou durante 52 anos, converténdose en todo un lobo de mar que sabe o nome de tódalas pedras dende Marín a Corcubión.
Comezou a súa traxectoria como mariñeiro dende moi novo, xunto ao seu pai, nunha dorna chamada Carmucha. Despois chegou a armador e patrón de tres barcos de pesca: o Flor del Puerto, o Barbanza e o Badeixo. Aquelas singraduras quedaron atrás, capturando peixe e marisco por boa parte da xeografía galega e española, pero quen o escoita pode mergullarse de cheo nas súas vivencias cunha memoria con tanta precisión como un caderno de bitácora.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.