A iniciativa reclama que o estudo sobre a demanda da formación regrada en danza estea rematado antes do 31 de decembro e marque o inicio da planificación do futuro conservatorio.
Marta Abal lembra que se trata dunha reivindicación histórica do sector e insta ao PP de Santiago a cumprir a promesa electoral coa que concorreu ás últimas eleccións municipais.
A concelleira socialista Marta Abal defenderá no Pleno deste mes unha moción para reclamar á Xunta que cumpra o acordo aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia a proposta do PSdeG e avance con prazos concretos na creación do Conservatorio Profesional de Danza de Santiago. A iniciativa insta tamén ao PP de Santiago a apoiar esta reivindicación e cumprir a promesa electoral coa que concorreu ás últimas eleccións municipais.
Marta Abal definiu a creación deste centro como unha “reivindicación histórica” das familias, do alumnado e de todo o sector da danza e advertiu de que, na actualidade, moitas familias da área de Compostela “vense obrigadas” a desprazarse “centos de quilómetros cada semana ata Lugo” ou mesmo “a renunciar a esta formación” porque en Santiago “aínda non existe un centro público destas características”.
A concelleira lembrou que o Partido Socialista leva anos apoiando esta demanda e destacou que “hai apenas unhas semanas” conseguiu que o Parlamento de Galicia aprobara por unanimidade unha iniciativa para que a Xunta “elabore un estudo” que permita coñecer “a demanda real da formación regrada en danza en Santiago” e “avanzar na planificación deste conservatorio”. Para a edil, ese respaldo unánime obriga agora ao Goberno galego a abandonar a inacción e dar pasos concretos para que o proxecto deixe de ser unha reivindicación pendente.
Abal lembrou ademais que a creación do Conservatorio Profesional de Danza foi “unha promesa electoral do Partido Popular de Santiago” e, por iso, agarda que Borja Verea “apoie tamén esta iniciativa” que o Grupo Municipal Socialista leva ao Pleno deste mes. Ao seu xuízo, “é o momento” de “pasar das promesas aos feitos” e demostrar que o compromiso adquirido coa cidade non quedou reducido a unha mensaxe de campaña.
A moción socialista reclama que a Xunta cumpra o acordo aprobado por unanimidade no Parlamento e que “ese estudo estea rematado antes do 31 de decembro deste ano”. A partir dese momento, o PSdeG esixe que “se estableza un calendario claro” para avanzar na creación do Conservatorio Profesional de Danza en Santiago e poñer fin a anos de espera.
Para Marta Abal, Compostela “ten demanda”, “ten tradición” e “merece contar cun centro público destas características”. Por iso, reclamou vontade política para que a cidade deixe de estar á cola da oferta pública de ensinanzas profesionais de danza e poida responder, dunha vez por todas, a unha demanda histórica das familias e do sector.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.