O Concello de Carballo introduce este verán unha novidade moi especial dentro do seu programa ambiental e de lecer Eu quero Razo-Baldaio. Por primeira vez, veciñanza e visitantes poderán gozar de sesións gratuítas de ioga ao aire libre, unha iniciativa deseñada para promover hábitos de vida saudables e fomentar unha relación máis consciente e respectuosa co valioso ecosistema litoral do noso concello.
As clases serán impartidas polos profesionais do centro Namasté e están pensadas como unha experiencia integral que combina o exercicio físico suave, a relaxación e o contacto directo coa area e o mar. Ao realizarse nun marco incomparable, a actividade convida a conectar coa paisaxe mentres se coida do corpo e da mente.
Horarios e localizacións
O programa de ioga desenvolverase do 21 de xullo ao 13 de agosto, en horario de 19:45 a 20:45 horas, aproveitando o solpor. As sesións repartiranse entre os dous areais do seguinte xeito:
Razo (zona verde, xunto ao parque infantil): os martes 21 e 28 de xullo, e 4 e 11 de agosto.
Baldaio (xunto á ponte): os xoves 23 e 30 de xullo, e 6 e 13 de agosto.
A actividade está dirixida a un público xuvenil e adulto. Para participar non é necesaria experiencia previa no mundo do ioga, pero é preciso realizar inscrición na axenda de carballo.gal. Recoméndase ás persoas participantes levar unha esterilla ou toalla e roupa cómoda.
Cunha proposta que une saúde, deporte e respecto polo medio ambiente, o programa Eu quero Razo-Baldaio reforza o seu compromiso coa posta en valor da costa carballesa a través de actividades sostibles e enriquecedoras para toda a cidadanía.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.