Monday 20 de July de 2026

Mercedes Rosón pide recuperar o histórico son do semáforo de Porta Faxeira


• A concelleira Non Adscrita solicita que se restitúa o tradicional avisador acústico da Porta Faxeira e preguntará no próximo pleno polas xestións realizadas para recuperar o histórico quiosco do Toural.

• Rosón considera que ambos elementos forman parte da memoria colectiva do concello: “isto tamén é defender o orgullo e o sentimento propio”.

A concelleira non adscrita Mercedes Rosón reclamou este sábado ao Goberno local que recupere o histórico son do semáforo da Porta Faxeira e que dea conta das xestións realizadas para cumprir o compromiso de recuperar o emblemático quiosco do Toural. Dúas cuestións que, ao seu xuízo, “transcenden o seu valor funcional para converterse en símbolos da identidade compostelá”.

Rosón explicou que a memoria colectiva dun concello tamén se constrúe a partir daqueles elementos que acompañan a vida cotiá da veciñanza. “A memoria colectiva dos lugares onde vivimos tamén se constrúe en base aos elementos que vemos a diario e aos sons máis cotiáns”, sinalou.

Por este motivo, a concelleira mostrou o seu desacordo coa decisión de eliminar o tradicional avisador acústico do semáforo da Porta Faxeira. Aínda que recoñece a implantación do novo sistema Pasblue, avalado pola ONCE e pensado para mellorar a accesibilidade reducindo a contaminación acústica, considera que ambas as solucións poden convivir neste punto concreto da cidade.

“Non concordamos con eliminar un son que xa forma parte da estampa sonora de Santiago. Neste semáforo concreto, a contaminación acústica non é unha xustificación válida e son moitos os veciños e visitantes que queren seguir escoitando ese sinal”, afirmou, reclamando que se recupere o avisador convencional sen renunciar ao novo sistema accesible.

Case tres anos de abandono do quiosco do Toural

Ademais, Mercedes Rosón anunciou que levará ao pleno da vindeira semana unha pregunta oral para coñecer que pasos deu o Goberno local para cumprir a moción aprobada por unanimidade en outubro de 2023, que instaba á recuperación do histórico quiosco do Toural mediante a súa adquisición e posterior concesión pública.

A concelleira lembrou que, case tres anos despois do peche do establecemento, o inmoble continúa baleiro e deteriorándose, malia os anuncios realizados no seu momento polo Executivo municipal sobre unha próxima licitación. “Falamos dun establecemento con máis de 110 anos de historia, que foi un referente cultural e comercial da cidade e que segue abandonado no corazón do casco histórico”, lamentou.

Rosón considera que tanto o quiosco do Toural como o tradicional son do semáforo da Porta Faxeira representan unha parte da identidade compartida de Santiago. “Un é un emblema físico e o outro un emblema sonoro. Non estamos dispostas a deixar que desaparezan porque defender estes símbolos tamén é defender o orgullo e o sentimento propio da nosa cidade”, concluíu.

Deja un comentario