José Manuel López Varela entregoulle unha placa conmemorativa en recoñecemento ao éxito deportivo e á súa traxectoria de superación persoal.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, recibiron oficialmente a Pedro Vázquez Ramil para felicitalo polo seu recente título de campión de España absoluto de atletismo para persoas con discapacidade na categoría T72 dos 100 metros de Frame Running, acadado no Campionato celebrado a finais do pasado mes de xuño en Fuenlabrada.
O rexedor fíxolle entrega dunha placa conmemorativa como mostra do recoñecemento do Concello. José Manuel López Varela puxo en valor non só o logro deportivo alcanzado, senón tamén os valores que representa o homenaxeado. “Pedro é un exemplo de superación persoal, de esforzo e de constancia. O seu campionato de España é o premio a moitos anos de traballo e sacrificio, e para o Concello é un orgullo contar cun veciño que representa tan ben os valores do deporte e leva o nome do noso municipio aló onde compite”.
O alcalde tamén quixo facer extensivo o recoñecemento ao entorno que acompaña a Pedro no seu día a día, destacando o apoio da súa familia e o labor que desenvolve a entidade Empujando Sonrisas para favorecer a práctica deportiva inclusiva e ofrecer novas oportunidades ás persoas con diversidade funcional.
O título nacional amplía unha traxectoria marcada por importantes retos deportivos e persoais de Pedro. Entre eles figuran a realización do Camiño de Santiago, a participación na Maratón de Nova York e a presenza no trail El Cruce nos Andes arxentinos, unha das probas de montaña máis esixentes de Sudamérica. Este ano, ademais de proclamarse campión de España, competiu nos 10.000 del Soplao en Cantabria e en outubro ten previsto viaxar a Fuerteventura para cruzala de norte a sur en dúas etapas co equipo Empujando Sonrisas.
O Concello da Laracha xa distinguira a Pedro Vázquez Ramil na última Gala do Deporte celebrada no ano 2023.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.