Thursday 16 de July de 2026

O PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín continúa sen definir o destino da taxa turística un ano despois da súa aprobación


Marta Abal advirte de que o informe do Consello de Contas confirma as principais críticas formuladas polo Grupo Municipal Socialista desde a aprobación da ordenanza e evidencia a falta de planificación, transparencia e participación na xestión dos fondos.

Os socialistas reclaman a constitución inmediata do Foro de Turismo Sustentable, unha planificación detallada dos investimentos e a publicación de datos desagregados das autoliquidacións para reforzar o control da taxa e a súa utilidade como ferramenta de política turística e de vivenda.

A concelleira socialista Marta Abal asegurou que o informe do Consello de Contas sobre a implantación da taxa turística confirma as principais críticas formuladas polo grupo socialista desde a aprobación da ordenanza en xullo de 2025 e puxo de manifesto a falta de planificación do Goberno de Goretti Sanmartín na xestión dos ingresos procedentes da taxa turística.
Abal explicou que o primeiro incumprimento é que “o Goberno Municipal comezou a recadar sen concretar previamente o destino dos ingresos” e advertiu de que, case un ano despois da aprobación da ordenanza, “este destino segue sen concretarse”. A concelleira lembrou que o propio Consello de Contas conclúe que esa planificación debía existir incluso antes da aprobación da ordenanza, avalando así unha das principais críticas formuladas polos socialistas.

A edil advertiu de que, malia que no último trimestre de 2025 o Concello recadou preto de 600.000 euros e que o orzamento deste ano prevé ingresar tres millóns, “seguimos sen coñecer un plan do Goberno Municipal público e detallado”. Neste sentido, lamentou que o executivo continúe sen responder ás preguntas que o Grupo Municipal Socialista leva meses formulando sobre que actuacións se van financiar, canto se destinará a cada unha delas e con que obxectivos concretos.

A concelleira criticou tamén que o Foro de Turismo Sustentable continúe sen constituírse máis de nove meses despois da entrada en vigor da taxa. Segundo lembrou, este órgano “non é un órgano decorativo nin unha fotografía institucional”, senón o espazo chamado a asesorar sobre o destino dos fondos e garantir a participación efectiva dos sectores implicados. Ao seu xuízo, “a participación tiña que constituírse de xeito paralelo coa entrada en vigor da ordenanza”, polo que a súa ausencia supón “un problema claro de transparencia e de participación activa” e evidencia “unha eiva importantísima por parte do Goberno Municipal”.

Abal reclamou tamén que o Goberno publique información desagregada sobre as autoliquidacións da taxa. A concelleira explicou que “non sabemos cantos hoteis, cantas pensións, cantos albergues, cantos apartamentos turísticos ou vivendas de uso turístico liquidaron e canto achegou cada tipoloxía de establecemento”, unha información que considera imprescindible para controlar a recadación, orientar a inspección e reforzar as políticas de vivenda.

A concelleira insistiu en que a taxa turística “non debe contemplarse como unha medida recadatoria illada”, senón integrada nunha política máis ampla de control da actividade turística, inspección urbanística e defensa do dereito á vivenda. Por iso, reclamou máis información para reforzar o control das vivendas de uso turístico.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista reclama a constitución inmediata do Foro de Turismo Sustentable, a presentación dunha planificación completa sobre o destino dos ingresos da taxa turística e a publicación periódica de información desagregada das autoliquidacións por tipoloxía de establecemento, co obxectivo de garantir unha xestión máis transparente, eficaz e útil para avanzar cara a un modelo turístico máis sustentable.

Sobre as festas do Apóstolo

En resposta ás preguntas dos xornalistas, o voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, lamentou que o Goberno municipal presente un programa que, malia definilo como continuista, “en vez de mellorar esa continuidade, empeora”. Criticou o atraso na presentación, a redución da duración das festas e a ausencia dun reclamo con capacidade para atraer visitantes e proxectar Santiago fóra de Galicia.

Guinarte asegurou que para os 900.000 euros que o Goberno municipal destina ás festas “hai pouca ambición e pouco resultado”. Ao seu xuízo, a escasa planificación, a limitada promoción exterior e a redución dos espazos con programación restan atractivo ás celebracións e reducen o seu impacto económico sobre o comercio e a hostalaría da cidade.

O voceiro socialista cuestionou ademais que o videomapping se financie con fondos da taxa turística sen contar co Foro de Turismo Sustentable e concluíu que estas “non están á altura das festas que merece Santiago”, acusando ao Goberno de Sanmartín de renunciar á ambición que require a principal celebración da cidade.

Deja un comentario