• Izaskun García pide, mediante unha solicitude rexistrada, que o goberno local estude con urxencia a instalación dunha pantalla xigante ou outra fórmula que permita o seguimento colectivo do partido
O Partido Popular de Culleredo solicitou hoxe ao Concello que habilite un espazo municipal para que os veciños poidan desfrutar xuntos da final do Mundial que España disputará este domingo ante Arxentina.
A portavoz popular, Izaskun García, considera que se trata de “unha ocasión histórica que merece poder compartirse tamén en Culleredo, igual que están a facer numerosos concellos da nosa contorna”.
De feito, o pasado martes, con motivo da semifinal, as festas de Vilaboa aproveitaron as pantallas da orquestra Cinema para proxectar o partido, cunha gran afluencia de público de todas as idades que puido celebrar xuntos a clasificación de España. Para o PP, esa experiencia demostra que é perfectamente posible organizar en Culleredo algo similar para a final, como xa están a facer outros concellos limítrofes.
Por iso, o PP rexistrou unha solicitude para que o goberno municipal estude con carácter urxente a instalación dunha pantalla xigante ou calquera outra alternativa tecnicamente viable que permita o seguimento colectivo do encontro, sempre con todas as garantías de seguridade e cumprindo a normativa aplicable.
“Non falamos só de fútbol. Falamos de ofrecer un punto de encontro para familias, mozas e maiores nun día que pode quedar para a historia do deporte español”, sinala García.
A portavoz confía en que o goberno local atenda esta proposta para que os veciños non teñan que desprazarse a outros municipios que xa anunciaron iniciativas similares.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.