Thursday 16 de July de 2026

Bergondo licita a mellora de dous camiños en Vixoi e Santa Marta


· A actuación conta cun orzamento total de 41.733,41 euros financiados a través da subvención de Agader para vías eminentemente rurais.

· Os traballos levaranse a cabo no camiño que une San Vitorio coa Riveira, en Vixoi; e no que une O Casal con Babío, en Santa Marta.

O Concello de Bergondo continúa avanzando no seu plan de mantemento e mellora da rede viaria municipal. O goberno local acaba de sacar a licitación un novo proxecto para a reparación e adecuación de dous camiños nas parroquias de Vixoi e Santa Marta, unha actuación que supoñerá un investimento total de 41.733,41 euros financiados a través da subvención do Agader.

En concreto, os traballos proxectados centraranse na mellora de dúas vías eminentemente rurais, tal e como marcan as condicións da axuda recibida. A primeira delas é o camiño que une San Vitorio coa Riveira, que conta cunha lonxitude de 491,14 metros. A segunda actuación levarase a cabo no camiño que une O Casal co lugar de Babío, cun tramo de 271,01 metros. Ambas as vías teñen un ancho de 4 metros.

O obxectivo principal desta intervención é solucionar o estado de deterioración que presenta o firme nestes momentos, provocado polo uso continuado e as inclemencias meteorolóxicas.

Os traballos que se levarán a cabo inclúen a limpeza do firme, a súa regularización e a extensión dunha nova base granular de saburra artificial. Ademais, o proxecto recolle a colocación de caños de formigón para asegurar unha correcta drenaxe da auga; e por outro, a instalación de nova sinalización vertical, consistente en dous sinais de STOP ao comezo e ao cabo de cada un dos camiños.

Deja un comentario