Os traballos durarán tres meses e teñen como finalidade dotar o lugar dunha zona segura para o paso peonil entre beirarrúas, especialmente para protexer as persoas usuarias da escola infantil.
O Concello de Santiago iniciou este martes as obras de construción dun paso elevado na rúa das Rodas, co obxectivo de mellorar a seguridade peonil e, en especial, a das crianzas que acoden á escola infantil que existe nese punto.
A obra foi adxudicada por 63.340 euros, cun prazo de execución de tres meses. O corte total da rúa durará ata que se rematen os traballos da primeira fase. Os detalles da afectación ao tráfico e ao transporte urbano pódense consultar neste enlace.
O punto en que se implanta esta plataforma é un punto importante de acceso á Cidade Histórica, que formaba parte do antigo foxo da muralla, e de conexión da améndoa cos barrios adxacentes, espazos verdes e equipamentos importantes.
Dada a importancia dos pavimentos pétreos, que forman parte da identidade do centro de Santiago de Compostela e do Camiño de Santiago, executarase unha plataforma continua que iguale a cota en ambas as beirarrúas, como unha prolongación do característico pavimento e tamén da preferencia peonil. Colocarase tamén a drenaxe necesaria para a correcta evacuación da auga e incorporarase verde urbano e pequenos espazos de estancia para mellorar a calidade do espazo.
Hoxe comezaron as actuacións previas, de demolición dos pavimentos existentes, despois do corte de tráfico e o acopio de materiais que tivo lugar onte, data efectiva do inicio da obra. Nas próximas semanas continuarase coa execución da base nos novos pavimentos.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.