Thursday 16 de July de 2026

Gonzalo Muíños cualifica de “inexplicable” o recorte das festas do Apóstolo e pide explicacións pola eliminación dos concertos de Galeras


• O concelleiro Non Adscrito lamenta que o goberno local prescinda dunha programación “xa consolidada no programa das festas” e que “ademais de deslocalizar as festas era unha xanela para a nova música galega”

• Os concertos en galeras tiveron a súa primeira edición no 2022, con Muíños como responsable de Festas, e por eles pasaron artistas como Sexy Zenras, The Rapants ou Luis Fercán

O concelleiro Non Adscrito de Santiago de Compostela, Gonzalo Muíños, cualificou este mércores de “inexplicable” a decisión do goberno local de reducir a duración das festas do Apóstolo, que este ano pasarán de quince a tan só dez días de programación. O edil lamentou especialmente que se prescinda por completo dos concertos no parque de Galeras, unha cita plenamente consolidada que servía como escaparate para o talento emerxente e como motor de dinamización fóra do casco histórico.

“Que as festas do Apóstolo se reduzan de 15 a 10 días é unha noticia inexplicable, máis cando o Concello non está executando obra pública con fondos propios nin lle paga aos provedores en tempo”, denunciou Muíños, quen advertiu que as contas municipais non xustifican esta tesoira: “Non se entende moi ben onde están os cartos”.

O fin dun escaparate para a nova música galega

Para o concelleiro, a eliminación do escenario de Galeras supón “unha nova triste” que bota por terra un proxecto de éxito iniciado hai catro anos, sendo o propio Muíños concelleiro de Festas. “Tratábase dunha cita xa consolidada desde que no 2022 a puxemos en marcha como unha oportunidade de deslocalizar as festas do Apóstolo e como unha xanela para a nova música galega e a música emerxente”, lembrou o edil.

Por este espazo pasaron nos últimos anos artistas que hoxe moven grandes públicos como Sexy Zebras, Grande Amore, Luis Fercán, Catuxa Salom ou The Rapants. Precisamente, Muíños puxo como exemplo a estes últimos para ilustrar o éxito do formato: “Catro anos despois de pasar por Galeras, vemos como os The Rapants van pechar as festas cun concerto de máxima relevancia na Quintana”.

“O goberno local debe explicar por que se elimina esta parte da programación, que tanto éxito colleitou”, pedía Muíños, quen recoñeceu que “os propios hostaleiros de Galeras” están a preguntar con preocupación polo futuro duns concertos que enchían de vida a zona e que serviron de plataforma de lanzamento para artistas hoxe totalmente consolidados no panorama musical galego.

Deja un comentario