Pavimentaranse os camiños que se estenden pola zona con pavimento terrizo, ademais de compactar a explanada e instalar unha rede de pluviais
Tres meses despois da renovación integral do parque infantil de Abesadas, o Concello de Riveira ten previsto seguir mellorando este entorno a través dunha nova actuación dirixida ao acondicionamento dos camiños que se estenden por toda esta zona recreativa e evitar os frecuentes enchoupamentos producidos nas vías de tránsito en épocas de choiva.
A obra que se pretende realizar financiarase con cargo ao remanente de tesourería e ten un orzamento de 33.538,15 euros. O prazo de execución son dous meses.
O parque de Abesadas conta cunha superficie de 2.640,71 metros cadrados e comprende un parque infantil e varias zonas axardinadas.
Lugar transitado
Pola súa situación a carón dun colexio (Galaxia) e de numerosos establecementos comerciais, a obra non só beneficiará aos veciños do barrio, senón tamén aos nenos que son usuarios do parque infantil (actualmente hai censados no concello arredor de 3.000 nenos menores de 10 anos) e, en xeral, a todos os habitantes do municipio ao ser un lugar moi transitado.
A actuación focalízase principalmente nos camiños de zahorra que rodean a área de xogos infantís e as zonas axardinadas. Debido ás frecuentes e abundantes choivas, estas pistas deterióranse con facilidade, aparecendo grandes surcos que dificultan o tránsito dos viandantes, o que obriga ao Concello a ter que realizar continuos traballos de mantemento.
Así e logo, o proxecto que se vai executar consiste na pavimentación destes camiños cun pavimento continuo terrizo de 15 centímetros de espesor (tipo aripaq ou un material semellante, igual que os empregados noutras actuacións recentes, como a conexión litoral das praias de Coroso e río Azor) situado sobre unha capa de 20 centímetros de zahorra artificial compactada.
Previamente, será necesario retirar parte da zahorra existente, para non alterar as cotas, e compactar debidamente a explanada. O proxecto tamén inclúe a instalación dunha rede de pluviais que permita a recollida de augas superficiais.
Eficiencia enerxética
Cómpre lembrar que o parque beneficiouse nos últimos tempos doutras accións de mellora, como un plan de eficiencia enerxética a través da colocación de oito proxectores sobre catro columnas galvanizadas e 36 puntos de luz de baixo consumo na contorna.