Tuesday 14 de July de 2026

O IES Monte Neme abre o prazo de inscrición para os dous ciclos de FP Dual que imparte no Fórum Carballo: Cociña e Restauración e Soldadura e Caldeiraría


O IES Monte Neme de Carballo mantén aberto o prazo de inscrición para o ciclo de Formación Profesional Dual Básica en Cociña e Restauración, que se imparte nas instalacións do Fórum Carballo.

Este ciclo formativo preséntase como unha alternativa idónea para reactivar o futuro profesional dos máis novos. Os requisitos básicos para poder acceder a esta modalidade son dous: ter entre 15 e 20 anos (cumpridos durante o ano en curso) e non posuír o título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

A modalidade de FP Dual Básica combina as clases teóricas e prácticas nas instalacións municipais do Fórum Carballo coa formación práctica directa en empresas do sector hostaleiro da zona, o que garante un contacto directo co mercado laboral real desde o primeiro momento. A formación abrangue dous cursos académicos.

Unha vez superado o ciclo, as e os estudantes obterán o título de Técnico Básico en Cociña e Restauración. Esta titulación non só lles abre as portas a postos de traballo como axudantes de cociña, camareiros/as ou auxiliares de catering, senón que tamén lles dá dereito ao acceso directo a calquera ciclo formativo de grao medio, con preferencia naquelas familias profesionais vinculadas á hostalaría, turismo e industrias alimentarias.

Para aquelas persoas que xa conten cos requisitos académicos de acceso a ciclos medios (como o graduado en ESO ou equivalente), o IES Monte Neme tamén ofrece no Fórum Carballo o ciclo de FP Dual de grao medio en Soldadura e Caldeiraría, que conta cunha inserción laboral practicamente total grazas á alta demanda de profesionais cualificados no sector do metal e a construción mecánica.

Neste caso, os/as alumnos/as deben ter 18 anos como mínimo, aínda que poderán incorporarse desde os 16 con autorización paterna/materna.

Para formalizar a matrícula ou resolver calquera dúbida sobre a documentación necesaria, as persoas interesadas deben dirixirse directamente á secretaría do IES Monte Neme en Carballo, ou poñerse en contacto co centro a través do teléfono do centro (881 96 00 50) antes do 29 de xullo, último día para a inscrición.

Deja un comentario