Tuesday 14 de July de 2026

O BNG de Cabanas convoca un acto informativo para explicar as afeccións do hidroduto H2POLE e axudar á veciñanza a presentar alegacións


A formación nacionalista ofrecerá asesoramento sobre o trazado previsto e as consecuencias para as parcelas afectadas no municipio

O deputado Xosé Manuel Golpe participará nun encontro aberto á veciñanza este xoves ás 20.30 horas no Local Social de Lavandeira

O BNG de Cabanas organiza este xoves, 16 de xullo, ás 20.30 horas no Local Social de Lavandeira, un acto informativo aberto á veciñanza para dar a coñecer o proxecto do hidroduto H2POLE, unha infraestrutura promovida para o transporte de hidróxeno entre As Pontes e Mugardos que atravesará o termo municipal de Cabanas afectando a numerosas parcelas e propiedades.

O encontro contará coa participación do deputado do BNG no Parlamento de Galiza e portavoz de Enerxía, Xosé Manuel Golpe, veciño de Laraxe, que explicará o alcance do proxecto, o procedemento administrativo actualmente en marcha e as posibilidades que teñen as persoas afectadas para presentar alegacións antes de que remate o prazo de información pública.

Desde o BNG lembran que o trazado previsto afecta aos lugares de Os Ameneiros, A Rúa, Golpes, O Cotiño, Ventín, Pedreiras, A Veiga, O Feal, e Os Anidos, entre outros.

Segundo a documentación sometida a información pública, a infraestrutura supón en Cabanas unha servidume lineal de 7.093 metros, unha servidume permanente de 28.372 metros cadrados, unha ocupación temporal de 79.329 metros cadrados, 83.897 metros cadrados de áreas de seguridade e 1.661 metros cadrados de ocupación puntual, polo que desde o BNG consideran imprescindible que todas as persoas titulares de parcelas, vivendas ou bens situados na contorna do trazado comproben se resultan afectadas.

“O primeiro que queremos é que a veciñanza teña toda a información. Estamos diante dunha infraestrutura de gran dimensión que pode condicionar propiedades e actividades, polo que é fundamental revisar a documentación e exercer os dereitos que corresponden dentro do prazo establecido”, sinalaron desde a formación nacionalista.

Durante o acto tamén se ofrecerá orientación práctica para localizar as parcelas afectadas, interpretar a documentación publicada e resolver dúbidas sobre a presentación de alegacións.

“O noso compromiso é que ninguén deixe pasar o prazo por descoñecemento. Queremos que todas as persoas afectadas saiban exactamente como lles pode afectar este proxecto e dispoñan do apoio necesario para defender os seus intereses”, conclúe o BNG.

Deja un comentario