Coa celebración esta tarde dunha asemblea informativa no auditorio Gabriel García Márquez de Mera, iniciase o proceso de constitución dunha cooperativa de vivendas. Con esta iniciativa do Concello, 20 veciños e veciñas de Oleiros van poder adquirir unha vivenda aos prezos estipulados pola Xunta para réxime protexido.
Na asemblea celebrada esta tarde, á que asistiron máis de 450 persoas, informouse das condicións para participar na cooperativa, así como das axudas públicas existentes. Tamén se efectuou un sorteo público para determinar a orde de elección dos pisos.
En España existe un grave problema para o acceso á vivenda do que Oleiros non é alleo. Agás en municipios rurais nos que existen carencias de servizos, comprar ou alugar unha vivenda en cidades ou áreas urbanas de calquera punto de España é prohibitivo para as familias con ingresos baixos e medios.
A Xunta e o Estado –que son as administracións competentes neste ámbito- están a practicar unhas políticas máis propagandísticas que prácticas, pois o único que lograron durante os últimos anos foi o fin contrario ao que supostamente perseguían. Cada cambio lexislativo, cada decreto, cada bono… traduciuse nunha alza dos prezos.
Os concellos non temos ningún tipo de competencia en vivenda. Iso non impediu que coa nosa política urbanística promovésemos desde o ano 1992 a construción de 1.171 pisos protexidos, entre os que están os 117 que comezaron meses atrás en Xaz e Perillo; aos que haberá que engadirlle os 28 que se iniciarán en Mera proximamente, ou estes 20 da praza da Rabadeira. En todos estes casos mediante a formación de cooperativas, a única posibilidade real para que os veciños e veciñas de Oleiros poidan ter pisos a prezos inferiores aos de mercado a curto prazo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.