Tuesday 14 de July de 2026

O Mercado de Carballo repartirá milleiros de premios directos coa campaña estival de prevención do cancro de pel


O Mercado Municipal de Carballo pon en marcha este mércores 15 de xullo unha nova acción de dinamización comercial coa que premiará a fidelidade da súa clientela ao tempo que promove hábitos saudables durante o verán.

A iniciativa forma parte da campaña de prevención do cancro de pel impulsada pola Concellaría de Feiras e Mercados en colaboración coa Asociación Contra o Cancro en Carballo, e dará continuidade á concorrida charla informativa celebrada a comezos de mes sobre os riscos da exposición solar e a importancia da detección precoz.

A partir do mércores, todas as persoas que realicen compras superiores a 15 euros en calquera dos postos do Mercado Municipal recibirán un boleto tipo rasca, ata fin de existencias. A campaña conta con milleiros de premios directos, entre os que se inclúen gorras, frisbis, cometas infantís, balóns inchables, bolsas e outros agasallos pensados para desfrutar do verán.

Os boletos premiados poderán trocarse na conserxaría do propio mercado (teléfono 663 140 455), pero os que non teñan premio poden conservarse, porque incorporan recomendacións básicas para unha exposición solar responsable, con consellos como evitar o sol nas horas centrais do día, utilizar protección solar, protexer a cabeza e os ollos ou prestar especial atención á pel da infancia. Deste xeito, cada participación convértese tamén nun recordatorio da importancia da prevención.

Con esta iniciativa, o Mercado Municipal de Carballo continúa apostando por campañas que combinan o apoio ao comercio de proximidade con accións de sensibilización social, promovendo un verán máis saudable para toda a veciñanza. Neste sentido, o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, sinalou: “O Mercado é moito máis ca un espazo para mercar: é un punto de encontro e tamén un lugar desde o que podemos promover hábitos saudables. Grazas á colaboración coa Asociación contra o Cancro, que ten a súa sede no propio mercado, conseguimos sumar prevención, comercio de proximidade e unha campaña pensada para agradecer a fidelidade da nosa clientela”.

A promoción desenvolverase desde o 15 de xullo e ata esgotar existencias, polo que animamos á cidadanía a realizar as súas compras nos postos habituais e probar sorte cos rascas.

Deja un comentario