Tuesday 14 de July de 2026

As praias da Pedra do Sal e Razo contarán este verán cun servizo de autobús de regreso durante as fins de semana


O Concello de Carballo valora positivamente a decisión da Xunta de Galicia de incorporar este verán unha expedición de regreso desde a praia de Razo durante as fins de semana, dando resposta a unha das principais demandas trasladadas polo goberno municipal en materia de transporte público aos areais.

O servizo realizarase a través da expedición XG84800701013, correspondente á ruta Caión–Estación de Autobuses de Carballo, con saída ás 19.30 horas e chegada prevista ás 20.40 durante os meses de xullo e agosto. O autobús permitirá regresar desde A Pedra do Sal arredor das 19.45 h, e desde Razo, sobre as 20.15 h (horarios aproximados).
A principal novidade é que esta expedición funcionará durante as fins de semana, resolvendo o desaxuste existente ata o de agora: as persoas usuarias dispoñían de transporte público para achegarse á praia, pero non contaban cun servizo posterior que lles permitise regresar a Carballo.

Esta carencia deixaba sen alternativa de volta ás persoas que acudían ao areal ao mediodía, obrigándoas a recorrer ao vehículo particular ou a buscar outros medios de transporte. A incorporación do novo servizo supón, por tanto, un avance importante para que o autobús poida converterse nunha opción real para os desprazamentos á praia.

A medida chega despois da reunión mantida en Santiago polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, coa directora xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia. Nese encontro, os representantes municipais trasladaron a urxencia de mellorar a planificación do transporte aos areais e de corrixir a situación vivida o pasado verán.

O goberno municipal considera que a nova expedición responde a unha necesidade evidente da veciñanza e das persoas visitantes, ao tempo que favorece unha mobilidade máis sostible e contribúe a reducir a presión do tráfico no litoral durante a temporada estival.

Con todo, aínda quedan necesidades por atender. O goberno municipal de Carballo agarda que esta mellora sexa o primeiro paso dunha planificación máis ampla e estable do transporte público cara ao litoral carballés, con horarios útiles, servizos de ida e volta e cobertura adaptada á demanda dos meses de verán.

Deja un comentario