Alternativa critica a celebración dos plenos extraordinarios celebrados os días 18 de maio e 13 de xullo, ao considerar que os asuntos incluídos na súa orde do día podían terse resolto no pleno ordinario correspondente, evitando así un gasto aproximado de 3.000 euros para as arcas municipais.
A formación lembra que ambos os dous plenos extraordinarios foron convocados no mesmo mes no que xa estaba prevista a celebración dun pleno ordinario, cunha diferenza de apenas dez días.
No caso do pleno extraordinario do 18 de maio, Alternativa considera que a aprobación das tarifas da piscina municipal debería terse tramitado con anterioridade, evitando así a necesidade dunha convocatoria extraordinaria.
Respecto do pleno celebrado hoxe, 13 de xullo, a formación considera especialmente chamativa a xustificación recollida na proposta da Alcaldía para a súa convocatoria, na cal se indica que era necesario aprobar, con carácter inaprazable, os festivos locais de Carral para o ano 2027, ao entender que, de non facelo extraordinariamente, o Concello quedaría fóra de prazo para comunicar o acordo. Algo que se desmite na propia comunicación remitida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que establece que o prazo límite o 1 de setembro e o pleno ordinario de xullo aínda non se celebrou.
Alternativa dos Veciños considera que a convocatoria de plenos extraordinarios debe responder a necesidades verdadeiramente urxentes e inaprazables, e non a asuntos que poden ser tratados con normalidade nos plenos ordinarios xa previstos.
“Os recursos públicos deben administrarse con responsabilidade e planificación. Cando existen plenos ordinarios dentro do prazo legal para adoptar os acordos, non se entende a necesidade de convocar sesións extraordinarias co conseguinte custo económico para a veciñanza”, conclúe a formación.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.