O Concello insiste en que a situación do encoro de Cecebre é boa e que o verdadeiro problema reside na insuficiencia das conducións e do depósito do Espírito Santo. É vital que a Xunta de Galicia que execute dunha vez unhas obras demandadas desde hai máis dunha década para asegurar o abastecemento a Oleiros, Cambre, Bergondo e Sada.
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, lembrou que esta é unha reivindicación histórica do Concello. “Levamos máis de dez anos reclamando a renovación das tuberías e a creación de novos depósitos que garantan o subministro de auga. Emalcsa comprométese nas reunións, pero as obras seguen sen executarse”, sinalou. Oleiros xa cedeu os terreos necesarios no Alto de Coroto para a construción dos novos depósitos e existe un compromiso dos concellos de Bergondo, Sada, Cambre e Oleiros para colaborar no financiamento da actuación.
Aínda que Oleiros dispón de once depósitos municipais que permitirían manter o abastecemento durante dous ou tres días ante unha incidencia puntual, o Concello considera imprescindible acometer esta infraestrutura de carácter comarcal. “O problema non é a falta de auga en Cecebre, senón que as tuberías e o depósito do Espírito Santo xa non teñen capacidade suficiente para atender a demanda actual”, explicou o alcalde.
O Concello tamén reclama a implicación da Xunta de Galicia, lembrando que cada ano recauda en Oleiros preto de 770.000 euros a través do canon da auga sen que ese diñeiro reverta nesta actuación. “A Xunta está financiando obras hidráulicas noutros concellos mentres aquí segue pendente unha infraestrutura esencial para garantir o abastecemento de toda a comarca”, concluíu o alcalde.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.