A voceira do goberno, Míriam Louzao, informou en rolda de prensa dos principais acordos aprobados hoxe en Xunta de Goberno, entre os que salientou tres asuntos relacionados con melloras en centros educativos: a posta a disposición da Consellería de Educación dunha parcela para ampliar o CEIP Cardeal Quiroga Palacios; a adxudicación das obras para a substitución da cuberta da escola infantil de Tras Parlamento; e o inicio da licitación das obras de reparación nas instalacións contra incendios do polideportivo do Monte dos Postes. Tamén deu conta dos trámites para recibir as obras de adecuación do Pazo de Raxoi.
O executivo municipal aprobou hoxe de forma inicial o proxecto de urbanización do solo urbano delimitado número 11 do Muíño de Vidán (SUD-11), promovido por GRUPO TABORAM S.L, un ámbito cunha superficie de 23.850,76 m2 situado ao sur da avenida da Mestra Victoria Míguez. O plan parcial, que fora aprobado definitivamente en 2014, define unha edificabilidade total de 9.492 m2 construídos: 3.322 de uso comercial e terciario e 6.170 de uso residencial, dos que 1.234 deben ser para vivenda protexida (o 20%).
Como sinalou a portavoz municipal, “en número de vivendas, o plan parcial prevé 12 vivendas unifamiliares e 54 vivendas en edificio colectivos: un total de 66 vivendas, das que 13, ese 20%, deben ser protexidas”.
O ámbito ten propietario único e o sistema de actuación é o de concerto. O proxecto de equidistribución aprobouse definitivamente en 2024 e estableceu unha unha cesión obrigatoria do 19,11% do aproveitamento dunha das parcelas resultado (a destinada a vivenda colectiva e usos terciarios), onde se localiza a reserva obrigatoria de vivenda protexida de 1.234 m2 construídos, segundo sinalou a edila.
“O proxecto de urbanización concreta agora as vías, espazos públicos, conexións de servizos, alumeado público e xardinería”, abondou Louzao, que cuantificou a participación do Concello nos gastos de urbanización nun 5,48%, cun custo provisional estimado de 75.088,81 euros dun total de 1.370.233,80.
A edificación colectiva repártese en dúas faixas paralelas á avenida da Mestra Victoria Míguez, con acceso desde esta e escalonadas para salvar o forte desnivel que existe. Detrás delas haberá vía de acceso ás 12 vivendas unifamiliares pareadas que se sitúan na parte baixa antes da zona verde. O antigo camiño peonil da Codeseira de Vidán intégrase na zona verde que bordeará o río Sarela, onde se sitúa o muiño catalogado que dá nome ao ámbito e a súa canle de captación de auga.
O proxecto aprobado someterase agora a exposición pública polo prazo dun mes logo da publicación do anuncio correspondente no Boletín Oficial da Provincial da Coruña.
Recepción das obras do Pazo de Raxoi
Tal como xa adiantara a alcaldesa en rolda de prensa, a Xunta de Goberno autorizou hoxe o inicio dos trámites para recibir as obras de adecuación do Pazo de Raxoi para a realización de visitas turísticas de carácter histórico, arquitectónico e artístico.
A tamén concelleira de Turismo lembrou que se trata dun proxecto que conta cun financiamento de 3 millóns de euros de fondos Next Generation, concedido o 20 de outubro de 2022 no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e xestionada a través do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.
“Ao abeiro do obxectivo de que o Pazo de Raxoi sexa visitable, as obras resolveron a accesibilidade do edificio e permitiron tamén acondicionar espazos de oficina e instalacións de servizo”, indicou Louzao, que subliñou que parte da intervención está xa á vista: a rampla de entrada que salva a diferenza de altura do vestíbulo principal do edificio a respecto da praza do Obradoiro. “A partir dese vestíbulo principal abriuse un percorrido ata os andares inferiores, cunha escaleira e un elevador acristalados que baixan polo patio interior, e tamén ata os superiores, cun novo elevador accesible”, subliñou.
A rehabilitación afectou de maneira especial ao segundo andar, que quedou acondicionado para oficinas municipais, e ao baixo cuberta, onde se localizan servizos de ventilación e climatización que foron totalmente renovados.
No segundo piso sitúase unha das capelas, que foi restaurada, e catro plantas máis abaixo, no nivel da praza da Trindade, a segunda, que se situaba entre a cadea civil e a eclesiástica que houbo neste edificio. “A comunicación interior fará accesibles as plantas por debaixo da cota do Obradoiro e permitirá incorporar estas dúas capelas, agora recuperadas, á ruta de visitas. Deste xeito a veciñanza de Compostela e quen nos visite poderá coñecer a súa Casa do Concello e a memoria que garda”, sinalou a edila de Memoria Histórica.
A redacción do proxecto adxudicouse o 10/07/2023 á UTE RVR EZCURRA OUZANDE, cun importe de 276.626,57 € (IVE incluído), e foi aprobado con todas as autorizaciones sectoriais pertinentes o 30/09/2024. O adxudicatario da dirección e coordinación de seguridade e saúde foi Francisco Fernández Novás e a obra foi adxudicada o 24/03/2025 á empresa COPCISA SA, cun orzamento de 3.777.871,93 € (IVE incluído) e un prazo de execución de 12 meses.
Melloras en centros educativos
Na sesión de hoxe tomouse o acordo de segregar unha porción da parcela R.8 do Plan parcial do SUP-4 de Conxo e poñela a disposición da Consellería de Educación para construír nela un aulario de infantil, ampliando así as actuais instalacións do CEIP Cardeal Quiroga Palacios.
A parcela que se incorpora ao recinto escolar, lindeira con este, ten unha superficie de 1.812 m2 e 1.450 m2 de edificabilidade.
Así mesmo, adxudicouse o contrato das obras para a substitución da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento a IAM RUMBO INSTALACIONES Y OBRAS SL, cunha oferta por valor de 237.761,41 € (IVE incluído).
Segundo sinalou a tamén concelleira de Educación, a obra afectará ás dúas cubertas planas do edificio, unha delas transitable e outra axardinada, que teñen problemas de filtración de auga ao interior. Ademais de resolver a impermeabilización mellorarase tamén o illamento térmico dun edificio que vén empregándose como escola infantil desde 2011. Ten un prazo de execución de 100 días porque inclúe a adaptación do horario da obra á compatibilidade co funcionamento da escola.
Tamén se acordou o inicio da licitación das obras de reparación nas instalacións contra incendios do polideportivo do Monte dos Postes cun orzamento base de licitación de 77.374,88 € (base impoñible 63.946,18 € máis IVE do 21% por importe de 13.428,70 €).
“Abrimos agora o procedemento aberto simplificado de adxudicación e as empresas terán un prazo de 10 días hábiles para presentar ofertas”, anunciou a edila de Educación que indicou que “o proxecto inclúe as actuacións necesarias no sistema de protección contra incendios que permitirán recuperar a capacidade do pavillón do CEIP Monte dos Postes e terá un prazo de execución de 2 meses nunha obra que tamén pode compatibilizarse co funcionamento da escola”.
Como consecuencia das deficiencias detectadas nun estudo para definir o número máximo de persoas que poderían utilizar diferentes instalacións municipais, realizado en 2020, este pavillón quedou limitado a un máximo de 100 persoas. O estudo sinalaba dificultades nas vías de evacuación e carencias no sistema de protección contra o lume. Como consecuencia encargáronse os informes valorativos e un proxecto técnico para resolver estes problemas e rehabilitar a capacidade da instalación, que volverá ser de 930 persoas.
Outros asuntos
Nos puntos relativos á contratación rexeitouse o recurso de reposición interposto por URBASER contra a resolución do 29 de outubro de 2025 pola que se lle impuxeron penalidades polos incumprimentos na execución do contrato de servizos para a recollida convencional de residuos e limpeza viaria.
O importe total das penalizacións impostas, 20.025,37, correspondíase cos seguintes incumprimentos: pola falta dos medios persoais comprometidos, infracción cualificada como moi grave, 9.015,19 euros; pola falta e demora na posta a disposición do servizo da infraestrutura informática e tecnolóxica comprometida, infracción cualificada como grave, 3.005,06 euros; polo atraso na reposición/substitución de illas soterradas, infracción cualificada como leve, 1.000 euros; por non ter operativo un dos cuarteis para as brigadas de limpeza, infracción cualificada como leve, 1.000 euros; e polas deficiencias na limpeza e desinfección de contedores, infracción cualificada como grave, 6.005,12 euros.
A proposta de rexeitar o recurso que formulou o departamento de Contratación analiza cada unha das cuestións que a empresa recorreu, coa mesma argumentación empregada nos trámites de audiencia e alegación previos a que se resolvese o expediente. “Á vista de que os motivos das sancións están totalmente acreditados e que a súa imposición respectou todos os requisitos legais, confírmase plenamente a resolución anterior”, confirmou a concelleira.
Así mesmo, autorizouse a cesión provisional de uso do Estadio Municipal Verónica Boquete e do campo de adestramento de San Lázaro II a favor da SD Compostela durante a tempada 2026/27; e outorgáronse tres licenzas de obra maior.
Tamén se adxudicou o seguro de accidentes do persoal municipal a través da contrato baseado nun acordo marco da Central de Contratación da FEMP. O importe da prima é de 8.975,28 euros (exenta de IVE).



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.