Tuesday 14 de July de 2026

Fene acollerá unha xornada gratuíta de degustación para poñer en valor as Ostras do Artábrico


A actividade celebrarase este martes 14 de xullo na praza do Concello e combinará divulgación, degustación e cociña en directo

As inscricións son gratuítas e o aforo é limitado

O Concello de Fene acollerá este martes 14 de xullo unha xornada de degustación dedicada ás Ostras do Artábrico, unha iniciativa que busca divulgar e poñer en valor este produto do mar a través dunha experiencia gastronómica aberta ao público.

A actividade desenvolverase nunha carpa instalada na praza do Concello de Fene, entre as 19.00 e as 21.30 horas. A participación será gratuíta, aínda que o aforo é limitado, polo que será necesario realizar inscrición previa a través da ligazón i.gal/ostras.

A programación comezará cun acto de benvida institucional no que participarán representantes do Concello de Fene, da Confraría de Pescadores de Barallobre, do GALP Golfo Ártabro Norte e da Consellería do Mar.
Posteriormente presentarase o proxecto Ostras do Artábrico, unha iniciativa orientada á promoción deste recurso mariño e ao impulso do seu coñecemento entre a cidadanía.

A continuación, Paula Patiño (ACastrexa) ofrecerá unha degustación de ostra rizada en conserva, amosando novas posibilidades gastronómicas para este produto.

A xornada rematará cunha sesión de cociña en vivo a cargo de Nair González, chef do restaurante Muelle 43, que elaborará diferentes propostas culinarias nas que a ostra será a gran protagonista.

A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, animou á veciñanza a participar nesta actividade, destacando que “é unha magnífica oportunidade para descubrir un produto de enorme calidade ligado á nosa ría e ao traballo do sector pesqueiro”. A edil sinalou ademais que “este tipo de iniciativas contribúen a promover o consumo de produtos de proximidade, apoiar ás confrarías e poñer en valor a riqueza gastronómica do noso territorio”.

Desde o Concello de Fene destacan que esta proposta combina divulgación, gastronomía e promoción do produto local, reforzando o vínculo entre o mar, o sector primario e a restauración, ao tempo que convida á cidadanía a coñecer de preto as posibilidades culinarias das Ostras do Artábrico.

Deja un comentario