Friday 10 de July de 2026

A Praza dos Libros pecha cun programa intenso e con espazo para a música coa sesión vermú de Blues do País


A fin de semana contará con autores de Carballo, actividades infantís, arte, un homenaxe a Begoña Caamaño e grandes nomes da literatura galega

A Praza dos Libros encara esta fin de semana as súas dúas últimas xornadas convertendo o Xardín Municipal nun espazo de encontro arredor da literatura, a música e a cultura galegas. Dentro deste feixe de actividades as Ondas Culturais da Concellaría de Cultura e Festas ofrecen a actuación de Blues do País, que protagoniza o domingo 12 ás 13.00 horas unha sesión vermú cargada de música, humor e retranca galega. A formación actúa en Carballo despois de deixar unha excelente lembranza no público logo do seu concerto na Rúa dos Contos durante a 28 edición do FIOT.

Integrado por Iseo Agilda (Bieitta James) e Brais das Hortas (Pepe King), Blues do País leva máis dunha década ofrecendo unha proposta única na música galega. O dúo adapta clásicos do blues, do soul e do rhythm & blues á nosa lingua e á nosa realidade, mesturando música de calidade con teatro, clown, improvisación e unha boa dose de humor. O resultado é un espectáculo participativo, cheo de enerxía e sorna, que xa percorreu escenarios de todo o país conquistando públicos moi diversos.

A cita será un dos atractivos da última xornada da Praza dos Libros, que o sábado e o domingo encherase coas presentacións e sinaturas de obras de autoras e autores como Xavier Alcalá, Manel Cráneo, Diana Varela Puñal, Rober Cagiao, María Solar ou Xaime Toxo, con espazo para a banda deseñada, o thriller, o drama ou a poesía. Ademais, a PLIC! acollerá o recital-presentación Os fíos de Begoña, coa súa autora Eva Mejuto e o músico Marcelo Dobode, como homenaxe a Begoña Caamaño, figura á que se lle dedicou o Día das Letras 2026.

A programación tamén reserva un espazo destacado para o talento máis próximo. Creadores e creadoras de Carballo terán unha presenza moi relevante nesta recta final da Praza dos Libros coa participación da escritora Silvia Tasende que asinará a súa última obra Pel memoria e do autor Farruco Graña, que presentará o seu último traballo, Eu voun navegar. Así mesmo, a Escola de Regueifa de Carballo ofrecerá unha exhibición desta expresión da tradición oral galega. A iso súmase a iniciativa Retratos con Retranca na que Mon Lendoiro, Cristina Santiago e Santi Picos, artistas de Carballo ou vencellados á vila, realizarán retratos e caricaturas en directo para o público da Praza dos Libros, achegando tamén as artes plásticas á feira.

Especial mención merece tamén a presenza de Marcos Emilio Casdelo, escritor da Laracha, que asinará exemplares de Historia das parroquias de Carballo. O catastro de 1750, unha obra de grande interese para coñecer a evolución histórica do municipio e que constitúe unha das propostas que máis referencian a memoria e ao patrimonio local desta edición da Praza dos Libros xunto coas Crónicas de Carballo V de Xan Fraga, que xa presentou o venres na PLIC!.

As familias tamén atoparán unha ampla oferta de actividades, coa presentación do libro de aventuras e amizade O misterio dos gatos rosas, de Marta Villar; o espectáculo Can de palleiro (outro circo na biblioteca), cos malabares o clown e o humor de Dani Blanco; e o concerto infantil Contos grandes e pequenos, de Paco Nogueiras.

O programa complétase coa tradicional iniciativa “Un libro, un pan”, que premiará as compras realizadas na feira durante toda a mañá do domingo, así como coa feira de produtos locais da Praza do Concello.

Cada día o horario de apertura desta feira da creatividade cultural é de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, coa presenza de oito casetas e librarías que ofrecerán un 10% de desconto en cada compra. Son as seguintes:
• Á lus do candil (Arteixo)
• Brañas Verdes (Carballo)
• Trasgo (Carballo)
• Teldy (Carballo)
• Clarión (Carballo)
• Espazo Lector Nobel (Carballo)
• Editorial Canela (A Coruña)
• AC Lumieira (Carballo)

A Praza dos Libros despedirase o domingo ás 20.00 horas con Cecilia F. Santomé e a súa obra Boundaries Road poñendo o albaroque a catro días de intensa actividade. Unha programación pensada para todos os públicos, que apoia ás librarías e editoriais participantes e que anima a celebrar, unha vez máis, a lectura como punto de encontro da cultura galega. O programa completo da PLIC! cos horarios detallados pode consultarse en www.carballo.gal.
• Organiza a PLIC! A Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística do Concello de Carballo
• Colaboran: a Fundación Luís Calvo Sanz, a Deputación da Coruña, a Concellaría de Cultura e Festas, Muebles Luís, O Galego a miña lingua propia e Ler conta moito.

Deja un comentario