Friday 10 de July de 2026

A alcaldesa Goretti Sanmartín anuncia a recepción das obras do Pazo de Raxoi e o inicio das visitas guiadas en outono


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, celebra o remate desta intervención que recibiu tres millóns de euros do Plan de Recuperación para abrir a Casa do Concello como recurso turístico, con melloras de accesibilidade, adecuación dos espazos e rehabilitación do patrimonio histórico. Poderán reservar visitas centros escolares, asociacións radicadas en Compostela e grupos turísticos, para coñecer o interior do edificio e a súa memoria, coma o antigo cárcere da Falcona.

A alcaldesa avanzou este venres que a Xunta de Goberno Local aprobará na sesión ordinaria do luns a autorización para recibir a obra do Pazo de Raxoi e anunciou que o Concello iniciará no outono o plan de visitas guiadas grupais ao edificio.

Sanmartín Rei lembrou que a obra de adecuación do Pazo de Raxoi obtivo unha subvención de tres millóns de euros para mantemento e rehabilitación de patrimonio histórico con uso turístico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno central e xestionada a través do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

“O fin último do financiamento para esta obra é a apertura do Pazo de Raxoi para que poida ser un recurso turístico”, sinalou a alcaldesa, sen perder de vista que o proxecto incorpora outros oxbectivos con gran repercusión para a veciñanza e o servizo público: a accesibilidade, a climatización e a adecuación e rehabilitación dos espazos para os usos do día a día.

A rexedora recordou que o Pazo de Raxoi nunca estivo aberto ás visitas máis que de xeito puntual e indicou que existe moita documentación para enriquecer o contido informativo do programa de visitas. “Moita xente de Compostela non coñece o Pazo de Raxoi, a súa historia e a súa memoria, como por exemplo que aquí estivo o cárcere da Falcona, que hai unha capela ou o inventario”, comentou.

Visitas para escolares, veciñanza e turistas

O Concello dispón dun plan, incorporado na documentación xustificativa da subvención, que prevé tres tipos de grupos de visitantes: escolares, veciñanza e turistas.

As visitas para grupos escolares serán en período lectivo e completaranse con material didáctico. O Departamento de Educación informará os centros do calendario e organizará os grupos para garantir que as nenas e nenos composteláns teñan a oportunidade de coñecer a Casa do seu Concello.

As asociacións culturais, veciñais ou de calquera outro ámbito radicadas en Compostela poderán reservar tamén visitas en grupo dentro do calendario que se habilite, que será en horario de tarde ou de fin de semana e de xeito gratuíto.

En visitas turísticas poderán reservarse a través de Turismo de Santiago e serán tamén fóra do horario de funcionamento ordinario das oficinas municipais. Para estas visitas establecerase un prezo público que faga sustentable o programa, coas bonificacións habituais para estudantado e outros colectivos.

Transformación modelo urbano

A alcaldesa encadrou este avance nun contexto de mellora do modelo urbano de Compostela con obras xa finalizadas, como a da rúa de Amor Ruibal, en Pontepedriña, aberta ao tráfico o pasado luns con criterios innovadores que tamén están presentes no proxecto para a rúa Santiago de Chile e a praza de Vigo ou no conector central nos que traballa o Concello.

“Esta obra é unha actuación pioneira de adaptación ao cambio climático e de devolución de espazo ás persoas”, sinalou Goretti Sanmartín, e lembrou que grazas a esta actuación a rúa dispón de máis árbores, máis verde, menos asfalto e máis materiais drenantes para facela máis habitable e máis humana.

“Agora a veciñanza da Pontepedriña empezará a percibir as vantaxes dun barrio máis verde e agardamos que sinta tamén como máis confortable”, engadiu, e valorou que as persoas residentes na zona teñan a percepción de que “o parque entra na cidade”.

Deja un comentario