Friday 10 de July de 2026

Ribeira prepárase para unha nova edición do IV Ciclo da USC


 As persoas maiores de 50 anos poderán anotarse ata o 24 de xullo

O Concello de Ribeira mantén aberto o prazo de matrícula da IV Ciclo da USC ata o 24 de xullo; unha acción formativa dirixida a alumnado maior de 50 anos, tal e como indicou a concelleira de Educación, Nucha Brión.

Segundo manifesta a edil, “nunca é tarde para seguir aprendendo e isto constátase co éxito que acada curso tras curso o IV Ciclo, sendo Ribeira sede externa da Universidade de Santiago de Compostela. Chega ao noso municipio un novo ano académico con materias de actualidade, onde se aprenderán coñecementos moi valiosos para aplicar no día a día.”

Para o curso académico 2026-2027 amplíase a oferta académica con novas materias a impartir nas tardes de luns a xoves, no Centro Cultural Lustres Rivas. No primeiro cuadrimestre contarase con Actividade económica e empresa, da man de Eva López Barrio; Historia do Pensamento, con Marcelino Agís; e Literatura Galega, a cargo de Elisa Nieves Barreiro e Iago Casas Neo. No que respecta ao segundo cuadrimestre, o alumnado asistirá a Historia da arte de Galicia, con Mónica Rey Cabezudo; Nutrición, da man de Aida Carballo Fazanes; e Patrimonio bibliográfico e documental, a cargo de Xosé Manuel Sánchez Sánchez.

As materias complementarias serán Dentro da literatura. A literatura dende dentro, con Ánxela Gracián, no primeiro cuadrimestre; mentres que no segundo haberá Moda Contemporánea, da man de Mónica Rey Cabezudo, e Introdución a IA na comunicación, a cargo de José Miguel Túñez López, César Fieiras Ceide e Martín Vaz Álvarez.

A única condición para acceder a estes estudos é ter máis de 50 anos, independentemente da formación académica previa.
Para a obtención do título de diplomado Sénior en IV Ciclo é necesario superar catro cursos, nos cales se deben completar os 60 créditos da titulación. En cada curso haberá que superar un mínimo de cinco materias optativas, das consideradas materias permanentes no plano de estudos, e tamén poderán cursarse ata tres créditos mediante actividades complementarias recoñecidas. As persoas diplomados Sénior en IV Ciclo poderán optar á obtención do Diploma Excelsior en IV Ciclo.

Trámite da matrícula

As persoas que por primeira vez soliciten a matrícula no IV Ciclo da USC poden facelo ata o 24 de xullo, de luns a venres, dende as 08.00 ata as 14.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas.
Máis información no teléfono de contacto 881 814 588, no enderezo electrónico ivciclo@usc.es ou na páxina web https://matricula.usc.es/loginX/Login.asp.

Deja un comentario