Friday 10 de July de 2026

O PSdeG esixe cambios na rúa Amor Ruibal para garantir a seguridade do transporte escolar


Marta Abal alerta de que o novo deseño da rúa non contempla espazos específicos para a parada dos autobuses escolares e pode provocar situacións de risco para preto dun cento de escolares.

As e os socialistas lembran que xa advertiran durante as obras da falta de diálogo coas persoas afectadas e reclaman solucións antes do inicio do próximo curso.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, esixiu ao Goberno municipal que corrixa antes de setembro os problemas de mobilidade xerados na rúa Amor Ruibal tras unha obra executada sen o diálogo necesario e que deixa sen resolver unha cuestión básica, a seguridade do transporte escolar do IES Pontepedriña.

Abal explicou que desde o Grupo Municipal Socialista queren “trasladar a preocupación manifestada pola comunidade educativa do IES Pontepedriña” pola “ausencia de zonas específicas de parada para autobuses”, unha demanda que, segundo sinalou, debería terse incorporado ao proxecto desde o inicio dada a importancia desta vía para o acceso ao centro educativo.
Abal advertiu de que, “co novo deseño da rúa, reducido a un carril por sentido, e sen paradas retranqueadas”, os autobuses “deberán deterse sobre o propio carril de circulación”, unha circunstancia que condicionará o funcionamento normal do tráfico nos momentos de maior afluencia.

A edil socialista alertou de que esta situación “provocará previsiblemente retencións de tráfico nos momentos de recollida e baixada do alumnado” e subliñou que “o que é máis importante, pode xerar situacións de risco para o preto dun cento de nenos e nenas que utilizan diariamente o transporte escolar”, polo que considera imprescindible adoptar medidas antes do inicio das clases.
Para Marta Abal, esta situación pon de manifesto que “o Goberno municipal non tivo en conta estas necesidades á hora de deseñar a mobilidade da rúa Amor Ruibal”, malia tratarse dun espazo no que diariamente conflúe un elevado número de vehículos de transporte escolar e de estudantes.

Por todo iso, a concelleira socialista esixiu ao Goberno da señora Sanmartín que “se adopten, antes do inicio do próximo curso escolar no mes de setembro, as medidas necesarias para garantir unha mobilidade segura, funcional e adaptada ás necesidades da comunidade educativa”, “evitando situacións de risco” e “asegurando que o transporte escolar poida prestar o servizo con todas as garantías”.

Deja un comentario