O Concello e Agadea organizan a décima edición da andaina solidaria Os Camiños da Memoria
A solidariedade volve tomar forma de andaina coa décima edición de Os Camiños da Memoria que promove Agadea Alzhéimer e o Concello de Ribeira, coa colaboración do Club Sachacamiños, e que se desenvolverá no venres, 28 de agosto, a partir das 20.00 horas, con saída dende o parque García Bayón.
Trátase dunha iniciativa que agarda reunir a 400 participantes e que se realizará como antesala ao mes do alzhéimer, o cal se conmemora en setembro, onde converxen pacientes, familias, profesionais, entidades e veciñanza que camiñan xuntas formando unha marea violeta.
“Dende o Concello de Ribeira apoiamos este tipo de accións que buscan que ninguén quede illado, especialmente, os nosos maiores.
Por iso, hai que continuar sensibilizando, acompañando e visibilizando o alzhéimer. Tanto o impacto que ten nos pacientes como nos seus familiares, pois aquí é imprescindible a figura do coidador. Poñemos o foco, polo tanto, en coidar, acompañar e non esquecer. Grazas a Agadea polo seu labor diario e este tipo de actividades extraordinarias que xa están consolidadas no calendario municipal”, en palabras do concelleiro de Servizos Sociais e Sanidade, Vicente Mariño.
Por outra parte, a presidenta de Agadea Alzhéimer, Isabel Gey, e a psicóloga do centro de día de Ribeira, Alba Iglesias, explicaron os obxectivos desta andaina. Segundo apuntou Gey, “queremos lembrar que detrás de cada diagnóstico hai unha persoa, unha historia de vida e unha familia que precisa sentirse acompañada. Queremos que Ribeira se encha de violeta para visibilizar esta realidade e demostrar que somos unha comunidade comprometida, solidaria e que non esquece.”
O itinerario é semiurbano, de dificultade media-baixa e consta de 8 quilómetros con saída do García Bayón para coller o paseo de Coroso, subir ata a Pedra das Cabras, camiñar ata Deán e incorporarse novamente a Coroso para volver ao punto de partida, tal e como deu a coñecer o representante do Club Sachacamiños, Manuel Castiñeiras.
O reparto das camisetas comezará ás 18.30 horas e non faltará a música tradicional.
O prazo de inscricións abrirá en vindeiras datas de maneira telemática, se ben tamén se poderán formalizar no propio centro de día de Ribeira. O importe do dorsal é de 7 euros para colaborar nas accións que organiza a dita entidade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.