Esta mostra enmárcase na Fiestra da Cultura e poderá visitarse ata finais de xullo
A exposición Retrospectiva, de Eduardo Hermo, pode visitarse ata o 27 de xullo, no Centro Cultural Lustres Rivas, ao abeiro da programación da Fiestra da Cultura que promove o Concello de Ribeira. Máis dunha trintena de obras, principalmente óleos e acrílicos, conforman esta mostra que repasa as tres décadas de traxectoria do creador no mundo da arte, atopándose o público con bodegóns, paisaxes ou retratos, todos eles con certas pegadas autobiográficas.
Durante o acto inaugural celebrado na tarde de hoxe, a concelleira da Cultura, Ana Barreiro, acompañou ao artista, de quen destacou a súa faceta como autodidacta, se ben asistiu a talleres e cursos, “creo que todos os que estamos aquí podemos afirmar que a súa aprendizaxe resultou moi frutífera sobre como plasmar a realidade e as ideas nun lenzo. Aquí denótase aprendizaxe, si, pero tamén talento e un gran gusto pola arte.”
A edil tamén ratificou o compromiso da Administración local por “potenciar a cultura en tódalas súas formas e de seguir traballando para que o Centro Cultural Lustres Rivas se consolide como unha sala referente para a difusión da obra de creadores consagrados e noveis, de quen de dedica á arte profesionalmente ou como afección.
Isto fai que este centro goce de gran vitalidade polas numerosas mostras que acubilla, o cal contribúe en boa medida á dinamización da vida cultural de Ribeira.”
Esta mostra pode visitarse de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, así como os sábados, de 12.00 a 14.00 horas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.