Wednesday 08 de July de 2026

O PP de Arzúa acusa ao goberno tripartito de intentar eludir a súa responsabilidade pola situación das Festas do Carme


• Os populares consideran que o comunicado da Concellería de Cultura confirma a falta de coordinación dun goberno no que ninguén asume responsabilidades

• Rafael Rivadulla lembra que o problema non era de competencias, senón de falta de xestión durante máis dun ano
Arzúa, 8 de xullo de 2026

O Partido Popular de Arzúa considera que a nota difundida pola Concellería de Cultura, na que intenta desvincularse da organización das Festas do Carme, evidencia o principal problema do goberno tripartito: a falta de coordinación e a incapacidade para asumir responsabilidades.

Para os populares, o debate non é a distribución interna de competencias, senón que durante máis dun ano ningún membro do executivo foi capaz de resolver unha situación que a comisión organizadora levaba tempo advertindo.
“O preocupante é que agora ninguén dentro do goberno quere asumir o sucedido. Mentres uns din que non era competencia súa, o Concello deixou chegar a situación ata o punto de que as festas tiveron que organizarse apenas un mes antes”, afirmou o portavoz popular, Rafael Rivadulla.

O PP lembra que a comisión de festas denunciou reiteradamente os continuos atrasos no cobro da subvención municipal, chegando a acumular pagamentos pendentes de varias anualidades, unha situación que acabou provocando a renuncia dos seus integrantes tras anos organizando con éxito as festas patronais.
“Se hoxe temos unhas festas moi diferentes ás dos últimos anos é porque o goberno foi incapaz de resolver a tempo un problema que coñecía perfectamente. A mellor solución sempre foi que a comisión puidese continuar o seu traballo co respaldo do Concello”, sinalou Rivadulla.

O PP subliña que a responsabilidade non corresponde só á área de Cultura, senón ao conxunto do goberno municipal e, especialmente, ao alcalde como máximo responsable.
“Os veciños non necesitan un goberno que busque escusas nin que reparta responsabilidades. Necesitan un goberno que resolva os problemas antes de que sexa demasiado tarde. Unha vez máis, a falta de xestión e as prioridades equivocadas do tripartito acabaron prexudicando ás festas máis importantes de Arzúa, e quen paga as consecuencias son os veciños”, concluíu Rafael Rivadulla.

Deja un comentario