Wednesday 08 de July de 2026

O Concello de Carballo e a asociación Lumieira recuperan “O pintor de murais”, de Xurxo Borrazás, cunha homenaxe na primeira Noite PLIC


O evento, que terá lugar este venres ás 22.00 horas, inclúe a colocación dunha placa do Mapa Literario na fachada do bar O Bodegón e o agasallo dun exemplar do relato ás persoas asistentes

A Praza dos Libros de Carballo inclúe, por primeira vez, a celebración da Noite PLIC, unha xornada especial que nesta edición estará dedicada de xeito íntegro ao recoñecido escritor carballés Xurxo Borrazás. O autor, que casualmente foi o encargado de pronunciar o primeiro pregón da PLIC hai agora vinte anos, regresa ao corazón cultural da vila como protagonista desta homenaxe.

O acto central xira arredor da recuperación de O pintor de murais, un relato que Borrazás escribira orixinalmente para o libro colectivo Follas de Carballo, editado pola Asociación Cultural Lumieira co gallo do seu 35º aniversario. Coincidindo con que a histórica asociación cumpre este ano as súas vodas de ouro (50 anos de traxectoria), o Concello de Carballo reeditou este texto, e nesta ocasión presentarase de maneira individual.

Unha placa literaria no bar O Bodegón
Dado que o argumento de O pintor de murais transcorre e sitúa un fito clave no bar O Bodegón, a organización decidiu trasladar parte do evento a este emblemático establecemento. Alí instalarase unha nova placa do Mapa Literario de Carballo na fachada (a segunda dedicada a Xurxo Borrazás, tras a xa existente en Chocolates Mariño).

O propio bar O Bodegón será o escenario dun coloquio aberto no que intervirán Carolina Carreira Pacoret, presidenta de Lumieira, e o propio Xurxo Borrazás.

A programación dará comezo este venres a partir das 22:00 horas, xusto despois do peche habitual das casetas da feira do libro. Para pechar a velada, ofreceranse uns petiscos para todo o público asistente e agasallarase a cada un cun exemplar da nova publicación individual de O pintor de murais.

Deja un comentario