O salón de plenos do Concello de Carballo acolleu hoxe a presentación oficial do 18º Autocross Carballo – Campionato de España de Autocross (CEAX), unha edición de récord absoluto, tanto a nivel autonómico coma estatal, con 126 pilotos participantes. A proba, que se disputará os días 10, 11 e 12 de xullo no Circuíto Municipal de Bértoa, promete tres xornadas vibrantes cheas de emoción, velocidade e o mellor espectáculo sobre terra a cargo dos principais espadas do panorama nacional.
O acto de presentación contou coa participación de representantes institucionais e deportivos, que coincidiron en sinalar a magnitude que alcanzou esta cita no calendario do motor.
Ernesto Rumbo, presidente do Rally Club Coruña (entidade organizadora) e director de carreira, anunciou con orgullo que esta décimo oitava edición bate marcas históricas, e tamén quixo amosar o seu agradecemento á acollida que ten sempre no noso concello, tanto que “en Carballo _dixo_ síntome coma na casa”.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Autocross, Antonio Rodríguez Troitiño, ratificou o prestixio do trazado carballés a nivel estatal, e asegurou con rotundidade que “Carballo é un circuíto referente do Campionato de España”.
Na mesa de relatores tamén estivo presente María del Mar García Vidal, en representación da Deputación da Coruña, que amosou o respaldo da institución provincial a un evento de tanto calado.
A maridaxe entre o bo facer organizativo e a gran afección que existe a nivel local fan prever unha fin de semana inmellorable. Así o destacou o secretario xeral para o deporte, Roberto García, quen augurou de forma clara que a proba “vai ser un éxito”.
Para pechar as intervencións, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, fixo fincapé no impacto socioeconómico e social que supón fixar os ollos do motor en Bértoa: “Todo o que xera o deporte é importantísimo para o noso concello”. Pérez lembrou o arraigo desta disciplina no noso concello e o compromiso do goberno municipal cos deportes do motor: “Hai un vínculo que vén de moitísimos anos atrás e ímolo seguir mantendo”, asegurou.
Tres días de competición
A actividade oficial arrancará o venres 10 de xullo coas verificacións técnicas obrigatorias e a entrega de documentación no Parque Rego da Balsa, seguidas das sesións de adestramentos libres no circuíto a partir das 16:00 horas. O sábado 11 disputaranse as primeiras mangas clasificatorias, e para o domingo 12 de xullo quedará o momento máis esperado coas grandes finais e a posterior entrega de trofeos.
O 18º Autocross de Carballo será puntuable para as principais categorías de Turismos (División I e II), Buggies, Car Cross, Car Cross Series e Júnior Car Cross, o que garante variedade e espectacularidade na pista.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.