Wednesday 08 de July de 2026

A Laracha continúa proxectándose ao exterior co novo programa de intercambio xuvenil en Xeorxia


Participan cinco mozos nunha iniciativa impulsada polo Concello en colaboración co Centro de Lengua y Cultura Española “Abanico”.

O Concello volve posibilitar á mocidade larachesa participar en programas de intercambio internacional que lles permiten coñecer de primeira man a realidade doutro país, establecer vínculos con mozos doutras procedencias e achegarse á súa cultura, historia e patrimonio. Nesta semana cinco mozos do municipio están en Tiflis para formar parte da iniciativa organizada grazas á colaboración entre o Concello e o Centro de Lengua y Cultura Española “Abanico” da capital xeorxiana.
A expedición foi recibida oficialmente no Concello de Tiflis, nun acto institucional destacado nun programa semanal de actividades que tamén inclúe visitas aos principais atractivos do país, como o Museo Nacional de Xeorxia e a catedral de Sameba na propia capital, á histórica localidade de Mtskheta (antiga capital de Xeorxia, incluíndo a catedral de Svetitsjoveli e a igrexa de Javari), casa museo de Stalin en Gori, covas de Uplistsikhe e de Prometeo, canón de Okatse e cidades de Kutaisi e Batumi.
O alcalde, José Manuel López Varela, está a formar parte da expedición como representante institucional do Concello da Laracha.
Trala recente viaxe de intercambio xuvenil realizada en Venecia, o Concello da Laracha continúa promovendo este tipo de iniciativas que ofrecen á mocidade novas oportunidades para ampliar horizontes, practicar idiomas, coñecer outras culturas e favorecer o intercambio de experiencias, ao tempo que contribúen a reforzar os valores da cooperación, a mobilidade xuvenil e a proxección exterior do municipio.

Deja un comentario